05/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Subir impostos aos ricos compensa: son só o 3,8% e achegan o 37% a Facenda
O Goberno español, ao contrario do que están a facer países como Francia e Alemaña, non aprobará un aumento adicional dos impostos ás rendas altas para incrementar a recadación de Facenda e así asegurar que se cumpre o obxectivo de déficit de aquí a 2013.
En contra dos rumores e das propias
insinuacións da ministra de Economía, Elena Salgado
, que apuntaban a un posíbel incremento da presión
fiscal aos que máis gañan, o Executivo rexeitou a
medida a pesar de que podería ter un efecto
recadatorio importante.
Segundo os datos facilitados pola Axencia
Tributaria, o 3,8% dos contribuíntes españois
(aqueles con unha renda superior a 60.000 euros
anuais) supuxeron en 2009 o 36,8% do ingresado a
Facenda
polo pago do IRPF. Isto significa que 735.425
persoas dun total de 19,3 millóns achegaron ao
Fisco case 23.000 millóns de euros en concepto de
impostos (os datos correspóndense coa contía da
cota resultante da autoliquidación, a máis
representativa do pago do IRPF segundo o Ministerio
de Economía). Este dato demostra o elevado poder
adquisitivo deste reducido segmento da poboación
española que, do mesmo xeito que noutros países,
podería facer un esforzo adicional para contribuír
á mellora das arcas públicas.
En Francia
vaise a aplicar unha taxa do 3% ás rendas
superiores aos 500.000 euros (a maiores do gravame
actual), o que achegará ao Estado 12.000 millóns de
euros. En España, as rendas superiores aos 480.000
euros, segundo os datos que manexa o departamento
que dirixe Elena Salgado , representan case o 6% da
recadación por IRPF
e, de media, cada un destes contribuíntes
achegou en 2009 uns 385.588 euros, un 1% máis que
desde o comezo da crise e iso que non houbo ningún
aumento de impostos ás rendas altas até 2009 (si se
aplica desde xaneiro deste ano, con dous novos
tramos a partir de 120.000 euros de salario).
DATOS CONTRADITORIOS
Hai apenas uns días, os Técnicos do Ministerio de
Facenda
(Gestha) emitiron unha nota indicando que as
rendas altas (aquelas superiores a 60.000 euros
anuais) tan só supuñan o 3,7% da recadación por
IRPF
(foi de 63.857 millóns en 2009), algo que está
en clara contradición cos datos do Ministerio do
que forman parte. Na súa memoria anual sobre o IRPF
de 2008, última dispoñíbel, o Ministerio de
Economía sinala que "as liquidacións con rendas
superiores aos 60.000 euros, cuxo número
representou o 4,3% do total, achegaron o 39,9% do
importe da CRA -cota resultante da autoliquidación-
do exercicio". É dicir, entre uns e outros datos
hai unha diferenza abismal e tiran por terra a
afirmación de Gestha
de que un aumento dos impostos ás rendas altas
non tería "potencia recadatoria".
O peso das rendas altas na recadación de Facenda
por este imposto era lixeiramente máis elevado
nos anos anteriores, cun 38% do total. Desde 2007 o
número de contribuíntes que gañan máis de 60.000
euros pasou do 4% ao 3,8%, pero a contía media
ingresada á Axencia Tributaria aumentou en todos os
tramos a partir de 60.000 euros. O Ministerio
constata un "forte aumento" desta media, aínda que
o atribúe a unha característica "propia" de
calquera imposto progresivo.
O candidato socialista á Presidencia do Goberno,
Alfredo Pérez Rubalcaba, xa anunciou que incluirá
no seu programa electoral para os comicios do 20 de
novembro uns impostos aos ricos co que podería
recadar 1.240 millóns de euros, segundo os cálculos
de Gestha. Esta medida xa é unha vella promesa do PSOE,
que desde as eleccións de 2008 expuxo en varias
ocasións incrementar a carga fiscal ás rendas
altas. O único feito neste sentido é a reforma
parcial do IRPF que entrou en vigor este ano e que
inclúe dous novos tramos (o 44% para rendas
superiores a 120.000 euros e do 45% para as de
175.000 en diante).
O vicesecretario de Comunicación do Partido
Popular, Esteban González Pons, afirmou este luns,
a Cópea, que o PP non levará no seu programa electoral
unha subida de impostos aos máis ricos como si fará
o candidato socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba.
Para o PP, incluír esta medida no programa
electoral, "é deixar escrito que non tes nin idea
de como saír da crise". González Pons si aclarou
que "o exemplo das grandes fortunas francesas -que
pediron que lles suban os impostos- vale para as
españolas". Pons sostivo que non incrementar os
tributos aos máis ricos non quere dicir que os
impostos non teñan que ser progresivos e pediu un
esforzo para que os impostos dos que máis teñen
"non os acabe pagando, como sempre, a clase media".
Xornal
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript