05/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Outra vez Recimil, ... Por Amadeo Varela Rodríguez
Tal como se esperaba, o novo goberno municipal do PP ataca de novo contra as Casas Baratas. Aos veciños xa non nos colle de sorpresa, pois desde fai trinta anos, algúns integrantes do Partido Popular ferrolán convertéronse na "besta negra" da nosa barriada. Metéuselles entre cella e cella o da derriba e non hai xeito de facerlles respectar os seus propios acordos.
Eles fan os seus cálculos e só ven o
beneficio que representaría semellante operación
urbanística pero, beneficios para quen? Por
suposto, a veciñanza non sairía beneficiada, por
máis promesas imposibles que poñan sobre a mesa.
Chegaron a dicir que aqueles veciños que non
quixesen comprar as súas novas vivendas -con
ascensor trasteiro e garaxe- seguirían pagando o
mesmo que agora. Pero claro, tíñano todo ben
pensado; calculaban que a operación derrubo e
construción duraría dez anos e, calculaban tamén
que ese sería o ciclo vital dos veciños: "Dentro de
dez anos estarán todos mortos", dixéronnos nas
nosas propias barbas. Contaban con iso para
realizar un negocio redondo. Saben que cada vez
somos máis vellos e con menos ánimos para defender
os nosos fogares, nos que moitos investimos os
aforros de toda unha vida de traballo. Pero nada
disto resulta novo, como tampouco é nova a serie de
mentiras e verdades a medias que se utilizan para
desprestixiar o barrio e os seus moradores. Repiten
ata a saciedade que son edificios construídos con
malos materiais, pero non din cantos e cales son
eses males materiais, nin cantos deles foron
substituídos xa polos propios veciños. Chegan ao
colmo de utilizar á xente nas súas argucias
demagóxicas: "Os pobrecitos anciáns non teñen
ascensores". Pero non din que eses anciáns
sobreviven con pensións de 400 euros ou menos. Iso
non interesa. Din que é máis caro rehabilitar que
construír, pero a min as contas non me saen. Claro
que eu non son arquitecto, pero só calculando o
custo da derriba destes robustos muros de pedra de
granito e o transporte dos cascallos, as cifras
dispáranlleme. E non falemos do custo ecolóxico e
moito menos do custo social. Iso tampouco interesa.
Creo que sería importante coñecer a opinión de
sociólogos e economistas, pois nese aspecto, os
demoledores parecen non estar moi decatados. Véxase
o exemplo do Bambú Club: "Rehabilitar ese edificio
é tirar o diñeiro" din. ¡Vaia home! E eu que cría
todo o contrario, é dicir, tirar o diñeiro é ter
nun estado lastimoso ese edificio que, unha vez
rehabilitado, podería proporcionar ao Concello -ou
sexa, ao pobo- uns substanciosos ingresos que agora
non dá, ademais da creación dalgúns postos de
traballo que antes xa había. Certamente, as
opinións son respectables, pero todas. Incluídas as
da Delegación Local dos Arquitectos Galegos, que
dedicaron a esta barriada o Día Mundial da
Arquitectura no ano 2005, argumentando que a
construción das Casas Baratas foi "o fito
urbanístico máis importante de Ferrol no século XX"
e que "coa construción desa barriada, Ferrol entrou
na modernidade urbanística". Ou como a decisión da
Comisión Provincial de Patrimonio, que decidiu
manter a barriada no catálogo patrimonial, "polo
seu indubidable valor histórico e urbanístico".
En fin, hai tantas cousas que dicir en defensa
desta barriada, que farían esta carta interminable
e que ademais non servirían para nada, pois os
"demoledores", nunca atenderon a razóns nin
atenderían agora, por moito que presuman de
dialogantes. Chegan ao extremo de violar os seus
propios acordos tomados por unanimidade no
Parlamento Galego e no propio Concello, nos que
votaron a favor da rehabilitación. Como se pode
chegar a ese extremo de impudicia política? Como
pode o pobo ferrolán votar a quen amenten, enganan
e insultan aos veciños neste tema de Recimil? Non
cabe suporlles a capacidade de facer o mesmo en
calquera outro tema? Ata cando imos ter que
soportar esta praga?
[*] Amadeo Varela
Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de
BAZAN, é o autor de "Recordos
do vello Racing" publicado no
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript