setembro de 2011
 
 

05/09/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Os interinos denuncian irregularidades na oposición do grupo A1

Denuncian que "moita xente de fóra, sen antigüidade, e con notas malas aprobou logo dos bos resultados que tiveron na segunda proba, na que o tribunal non respectou a base"

 

  • Noticias relacionadas

 

O proceso selectivo do grupo A1 na Xunta de Galicia segue levantando bochas entre os interinos. Tal e como xa informou este dixital en días pasados, dende a Asociación de Interinos da Xunta denuncian non só o considerable atraso- tres anos- na resolución do concurso senón o feito de que o tribunal avaliador do proceso selectivo obviase as bases marcadas no ano 2008 e de obrigado cumprimento á hora de puntuar o segundo exercicio da oposición. Onte, numerosos interinos denunciaron a Xornal. como o baremo unilateral que empregou o tribunal de avaliación- composto na súa maioría por membros do Corpo de Letrados, pertencente á Asociación de Letrados da Xunta- fixo que “non aprobasen a oposición persoas con 100 preguntas correctas sobre 120 no primeiro exame e si outras que tiñan 23”.
 
Sempre segundo a versión de varios interinos, “moita xente con notas moi malas no primeiro exercicio aprobou logo grazas aos bos resultados obtidos na segunda proba, na que o opositor da a cara fronte ao tribunal, xa que é público”. Estas mesmas voces recordan que foi neste segundo exercicio no que “o tribunal decidiu unilateralmente saltarse a base establecida e puntuar segundo un criterio propio”.
 
“Hai casos que chaman moito a atención e que dan unha mostra de que o que piden os interinos non é pasar todos a oposición sen ter méritos e bos resultados”, explica un interino. “Existe un caso dunha persoa con preto de 100 sobre 120, o cal é un moi bo resultado tendo en conta que os fallos puntúan negativo. Logo do segundo exercicio queda no posto 75, tendo en conta que ademais ten o máximo de puntuación polo número de anos traballados e o máximo de puntos por cursos”, exemplifica. “Con todo, esta persoa queda fóra. Non obstante, logo hai outra persoa de fóra que non é interina é que sen ningún tipo de puntuación por mérito e antigüidade, sacar 23 preguntas sobre 120 no primeiro exame, pero logo co segundo consegue quedar no 60 e aproba a oposición”, comenta.
 
“Non sei se cousas como estas sucederon dun xeito buscado, xa que hai que ter en conta que polo tribunal de avaliación pasaron até 19 persoas nun proceso de valoración de probas que se estendeu até 14 meses. Isto fai que, evidentemente, o proceso de corrección se altere”, opinan os interinos consultados por este medio. “Para nós o máis negativo non é nin tan sequera que o proceso se demorase tanto no tempo, senón que o tribunal se saltase as bases da convocatoria. Non podes ser Garda de Tráfico e multar a unha persoa por ir a 120 nunha autopista porque ti, de xeito persoal, creas que deberiamos ir a 70 para non ter accidentes”, explican. “Aquí o que pasa é que non hai responsabilidades. Aínda que presentes reclamación ou chegues aos xulgados, pasarán moitos anos até que isto se resolva, e cando pase, moita da xente que agora esta en Función Pública ou na Consellería Facenda xa non estará aquí e non lles importará o que o próximo Goberno teña que facer, como xa ocorreu coas oposicións de turismo”.

 


Xornal

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript