05/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Henrique Costas: 'O galego en Cáceres está máis vivo que en Vigo'
M. Obelleiro . De hoxe ao venres, teñen lugar as xornadas 'Lingua e diversidade. Val do Ellas: a lingua que nos une' neste recanto noroccidental de Cáceres. O catedrático de Filoloxía Galega e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Henrique Costas, é un dos organizadores deste congreso no que participarán máis de 300 estudantes de Galiza e de Estremadura. O estudoso da Fala debulla nesta entrevista algunhas claves do 'galego reencontrado' que se fala en Cáceres.
En que consisten as xornadas?
Trátase dun encontro entre alumnos e alumnas de
tres institutos galegos e do instituto do Val das
Ellas, o IESO Val do Xálima, que, auspiciado pola
Unesco, promoverá unha rede de traballo en
patrimonio inmaterial común. Consiste en pór en
común a lingua e a toponimia. O obxectivo principal
pasa por fortalecer o contacto entre os falantes de
galego de Galiza e os falantes de galego de
Valverde, As Ellas e San Martín de Trebello. O 98
por cento dos 5.000 habitantes destes lugares fala
galego. No Val das Ellas só a alcaldesa de Valverde
e o seu pai, algúns gardas civís e algúns mestres
que veñen de fóra –mesmo algún galego– son
castelanfalantes.
Como reaccionan os estudantes de Galiza cando
ven que os estremeños falan galego?
Con estrañeza e con sorpresa. No patio, os
estudantes do Val das Ellas non dan en castelán
ningunha palabra. Mesmo fillos de xente que se
atopa alí de paso, por algunha razón laboral,
aprenden rapidamente a Fala porque nese lugar é
algo natural. O galego está moito máis vivo no Val
de Xálima que en Galiza. Non é a primeira vez que
algún alumno castelanfalante dos que participa
nestas xornadas volve de Cáceres falando en galego.
E como ven os estremeños que o estudantado de
Galiza non fale apenas galego?
Veno como algo desagradábel. Alí non se entende por
que a xente de Galiza non quere falar galego. Non
se entende, como din eles, por que algúns galegos
queren ser “madrileños”. Unha vez que veu a Moaña
un equipo de fútbol de San Martín de Trebello, o
club quedou asustado logo de ver que os futbolistas
estremeños falaban galego mentres que os moañeses
falaban español.
Que problemas sofre o galego en Cáceres?
Non está protexido e non posúe normalización nin
normativización. Até o 2008, o galego do Val de
Xálima non foi recoñecida no informe do Consello de
Europa sobre a aplicación da Carta das Linguas
Minoritarias. A Junta de Extremadura declarouna Ben
de Interese Cultural (BIC) no 2001, pero esta
medida non supuxo maior protección. Hai uns cursos,
o Goberno estremeño introduciu a fala como materia
extraescolar –para a que deu diñeiro– e houbo o 100
por cento de alumnos matriculados na lingua. Malia
o éxito, a Junta de Extremadura suprimiu no
seguinte curso as axudas a esta materia. É unha
mágoa que en 15 anos a nivel institucional, polo
desleixo da propia Junta, non se evolucionase nada.
Outra das eivas é a calidade lingüística...
O galego nesta zona está moi interferido pola
introdución do castelán na escola. E isto apréciase
sobre todo no léxico que empregan os rapaces e
rapazas. Mentres os adultos din “andoriña”, os
nenos e nenas xa din “gulundrina”. O mesmo acontece
coa pronominalización de moitos verbos. Pola
introdución do castelán din “bebéuseo”, non
“bebeuno”. A principal ameaza da fala é a
hibridación, non a substitución, como acontece co
galego na Galiza.
Cando comezou a estudar a fala?
Cara ao 1991, nunha viaxe a Aveiro. Vin que
Portugal se atravesaba en pouco tempo e que o Val
das Ellas non quedaba lonxe. Collín o coche e fun
comprobar como era a Fala. Hospedeime nun hotel e
pasei a noite falando co xerente e prestándolle
atención aos paradigmas dos verbos. A partir de
entón, topei con persoas que me foron introducindo
na fala. Dei con poemas e bandos escritos en galego
e mesmo cuns sainetes escritos por unha señora nos
anos trinta nos que xa se advirte que a fala é
galego. Nun deses sainetes recóllese “temos esta
fala tan galega...”
'Benefícianse do turismo lingüístico'
A fala é galego?
É galego, mais non ao mesmo nivel que os dialectos
de aquí. Trátase dun bacelo da nosa lingua que
despois medrou por libre. É un galego especial,
reencontrado, curioso... pero é galego. Malia ter o
portugués ao lado, as diferenzas co portugués son
abismais. É máis, se un galego entra nun
estabelecemento de Valverde, non o identifican como
tal. Pensan que será de San Martín ou das Ellas
porque falan a mesma lingua, pero con matices
diferentes.
E en Cáceres identifican a fala co galego?
Consideran que é a mesma lingua as persoas que
tiveron contacto co galego na emigración ou na mili
porque así o advirten ao falar. En cambio, a
Universidade de Extremadura ve a fala como a
terceira póla do galego-portugués, ao que eu lles
contesto que, de ser esa póla, sairía directamente
do galego. Con todo, non se ve negativa a
identificación da Fala co galego, porque son
conscientes de que hoxe en día é un motivo
económico. No Val das Ellas xurdiron nos últimos
anos estabelecementos hoteleiros que responden á
demanda do “turismo lingüístico”.
Como ve o futuro do galego en Cáceres?
O futuro pasa por que se aplique a Carta Europea
das Linguas Minoritarias, porque no Val das Ellas a
Fala non é nin sequera cooficial, malia ser
empregada polo 98 por cento da poboación. A Fala
non existe no ensino, nin na Xustiza, nin na
Administración, nin na toponimia oficial... E iso
que os habitantes do Val do Xálima teñen unha
conciencia forte, unha conciencia natural, non
militante. Desaparecía antes o galego en Vigo que a
Fala no Val das Ellas
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript