05/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O Supremo permite despedir interinos da administración sen indemnizalos
Unha recente sentenza do TS confirmou que calquera Administración Pública pode poñer na rúa a todos ou parte dos seus interinos laborais simplemente mediante unha orde na cal amorticen (supriman) as prazas sen necesidade de facer un ERE nin lles pagar despedimentos obxectivos. É dicir, á rúa sen indemnización.
Para o que non o saiba, a A.P. non paga
indemnización de despedimento a un laboral interino
cando finaliza o seu contrato porque a praza se
ocupa polo seu posuidor, concurso de traslados ou
por oposición. Claro que non, pero non é diso do
que fala a sentenza. A sentenza fala de cando poñen
na rúa ao interino sen que ninguén ocupe a súa
praza, porque a amortizan, é dicir que desaparece.
Neste caso o dereito laboral di que habería que
pagar unha indemnización de 20 días por ano por
despedimento obxectivo individual ou colectivo
(ERE), pero o TS confirmou que non, que a A.P. é
especial e ten este privilexio sobre as empresas
privadas.
A sentenza di que se non puidesen facelo levaría a
conclusións absurdas xa que, ou ben supoñería a
transformación de feito da interinidade nunha
situación propia dun contrato indefinido (pois o
interino non cesa en tanto se incorpore o titular,
cuxo nomeamento non se produce por hipótese, por
entender a Administración innecesario o posto de
traballo), ou ben entrañaría a vinculación da
Administración á provisión por un titular dun posto
de traballo que estima innecesario e cuxa supresión
acordou. Debe entenderse, por todo iso, que a
subscrición dos devanditos contratos de
interinidade non limitan nin eliminan as facultades
da Administración" "sobre modificación ou supresión
dos postos de traballo".
Por suposto a A.P. ten que notificar esta
amortización de praza aos "interesados". O que vén
a concluírse desta sentenza é que a vía correcta de
combate xurídico dun interino amortizado é a
administrativa e non a laboral-social.
É dicir que ten que interpoñer o recurso
administrativo que proceda contra a orde de
amortización e non interpoñer unha demanda de
impugnación do despedimento nos Xulgados do Social.
Ese foi o fallo dos traballadores do caso
da sentenza mencionada. Eran uns socorristas con
contrato laboral de interinidade fixo descontinuo
no Instituto de Deportes da Comunidade de Madrid.
Notificáronlles a amortización pero non recorrérona
en vía administrativa, que tivese rematado nos
Xulgados do Contencioso, senón por despedimento no
social e ese foi o seu erro.
Esta sentenza é moi importante nos tempos que
corren, nos que todas as A.P. queren reducir
gastos. Non hai que ser un xenio para ver vir ao
lobo e para poñer a remollar as barbas interinas
cando se ven pelar as do veciño. O mellor consello
que se pode dar a calquera interino amortizado é
que non se quede esperando a accións colectivas
improbables, senón que inicie inmediatamente o
recurso administrativo individual.
Por se alguén non o entendeu ben: esta sentenza só
afecta aos que sexan interinos laborais que estean
a ocupar unha praza. Non afecta aos funcionarios
nin afecta aos contratados laborais dunha A.P. pero
que non están a ocupar unha praza que fose creada
oficialmente no seu momento senón que simplemente
foron contratados pola cara sen pasar por oposición
pública, que os hai e moitos. Tamén hai que ter en
conta que se amortizan a praza tamén están a poñer
na rúa a quen sexa o titular desta, se é que
houbese alguén, cousa que non sempre sucede.
Por suposto a sentenza nada ten que ver cos
traballadores das empresas privadas que teñan
contrato de interinidade, coñecido popularmente
como "de substitución". A estes non lles poden
botar, sen pagar despedimento, antes de que o
substituído regrese e así é como debería ser tamén
na A.P.. É dicir, é comprensible que a A.P. teña
que axustar os seus gastos. Non se discute que a
A.P. poida despedir un interino laboral. O que se
discute, porque é inxusto, é que poidan facelo
gratis coas bendicións do TS e dun día para outro
como aquel que di.
Extraído da páxina Laboro
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript