05/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
O cambio real nas iniciativas económicas
Os principios económicos e
ideolóxicos que dominan o planeta están a orixinar unha
degradación irreversible do medio, paro, explotación
laboral, desigualdades sociais e pobreza. A pesar diso, as
solucións que tratan de aplicar os gobernos continúan
baseadas nun crecemento económico que depende do consumo. O
que propoñen é un oxímoro, porque por unha parte hai
recortes salariais e menos créditos, pero por outra o
crecemento require de maior consumo. Non sería lóxico
cambiar de raíz o sistema económico e sancionar e impedir a
especulación bancaria, enerxética, do chan e
agroalimentaria? Se o planeta sofre unha degradación
ambiental vertixinosa, con contaminación atmosférica, mariña
e terrestre, non serían lóxicas políticas que limitasen ou
impedisen a utilización de materias contaminantes? Se non
hai emprego para todos, non sería lóxico crear por cada tres
postos de traballo un adicional reducindo os salarios máis
altos? Hai que ter en conta que este sistema económico e
ideolóxico é o causante da deterioración ambiental, do
sufrimento e inanición de millóns de persoas e da carencia
dos dereitos básicos recoñecidos na Declaración Universal
dos Dereitos Humanos
O Goberno prefire os empresarios
Xa está ben de tratársenos
como a parvos. O Goberno pensa que coa
ampliación de melloras aos empresarios se vai
contratar a máis traballadores, coma se cando o
empresario contrata o fixese porque se melloran
as condicións de contratación. Os empresarios
só contratan cando necesitan man de obra para
os seus negocios, o contrario non sería unha
empresa, senón unha ONG.
Queda ben dicir: "Mellor que parado é estar
contratado temporalmente", pero os empresarios
van utilizar estas medidas para lucrarse todo o
que poidan en detrimento da estabilidade e do
poder adquisitivo dos traballadores. Estamos a
perder dereitos e poder adquisitivo.
Non teñan a menor dúbida de que o Partido
Socialista aplaudirá estas medidas antisociais,
porque, á fin e ao cabo, está a defender os que
en plena crise están a sacar maiores
beneficios.
Necesítanse 35 demócratas
Trinta e cinco é o número
máxico que pode marcar a diferenza. Se non se
consegue esta cifra entre os deputados que van
votar a reforma da Constitución, a democracia
permanecerá secuestrada para sempre a expensas
da tiranía económica dos mercados.
En Islandia reescribiuse a Carta Magna. Pero
neste Estado do que apenas se fala usouse un
referendo para negarse, por maioría absoluta, a
pagar unha débeda que non lles correspondía. A
pesar de que o FMI conxelou os seus préstamos e
os ameazou con toda sorte de pragas e
maldicións, os islandeses non se asustaron. E
contrariamente aos apocalípticos augurios que
se lanzaron sobre a súa silenciosa e pacífica
revolución, Islandia estase a recuperar do
colapso sen aplicar as medidas que o fascismo
financeiro reclama ao Estado, Grecia, Irlanda
ou Portugal.
Aquí e agora, necesitamos 35 mulleres e homes
que defendan a soberanía do pobo fronte á
ditadura da UE. Que se neguen a reformar a nosa
Constitución ao ditado dos mercadores e atendan
as voces dunha cidadanía. Existen 35 valentes
entre os nosos parlamentarios?
Os impostos e a xustiza social redistributiva
Unha vez máis, no estado
vólvese aplicar unha política errática en
materia de impostos. Os impostos son, sobre
todo, unha ferramenta útil que debería permitir
a redistribución da riqueza coa finalidade de
cohesionar a sociedade. Pois séguese pensando
que a saída da crise vén ligada a unha
destrución da xustiza social e de seguir
mantendo o protagonismo da economía
especulativa por enriba da economía produtiva.
Nestes momentos críticos, necesítanse medidas
concretas de austeridade, aplicadas co máximo
de xustiza social redistributiva. Un exemplo
diso témolo en Francia, onde, cun Goberno de
centro-dereita, poñerán en marcha algunhas
medidas con moito sentido común (moito máis de
esquerdas que as aplicadas en España): un
imposto ás grandes fortunas de verdade; o
aumento dos impostos especiais do alcohol e o
tabaco; o aumento das taxas ás plusvalías
inmobiliarias e, principalmente, ás persoas que
posúan segundas residencias.
Señores lexisladores: deberían empezar a poñer
mans á obra en materia de impostos, porque,
aquí e agora, imos moi mal.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript