05/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Como rematar co mes de agosto
Ata agora, un regresaba en setembro e medía a duración das súas vacacións polos cambios que vía no barrio: un bar novo, unha tenda pechada, unha glorieta reformada, unha rúa que cambia de sentido. Pero agosto xa non é o que era, e este ano volvemos con sensación de ter pasado un lustro en coma, polo que cambiou todo.
De entrada, o exemplar da Constitución que
temos na casa xa non serve, pois os dous grandes
partidos acordaron unha reforma estival e á
carreira, nos minutos do lixo da lexislatura.
Grazas a iso, tampouco o Estado do Benestar é o que
deixamos en xullo, xa que o novo artigo da
Constitución é outra volta de rosca na súa
desmontaxe.
Máis cambios en agosto: de súpeto o país ule máis a
incenso e auga bendita, España é menos aconfesional
do que era hai un mes, ou se o prefiren, máis
confesional, tras a súa entrega incondicional ao
papa. Os de Madrid, a cambio, encontramos o aire
máis limpo, tras máis dunha semana con media cidade
pechada ao tráfico. Tamén vemos a cidade menos
pecadora, tras os miles de absolucións que os
comerciais vaticanos repartiron nas rebaixas do
Retiro; aínda que como o aire limpo, isto tamén
durará pouco, que xa nos coñecemos.
Tampouco houbo vacacións en Libia, onde a OTAN
conquistou Trípoli e case se embolsou un novo país
petroleiro. Si, a OTAN, porque aínda que nas fotos
aparezan os heroicos rebeldes, é a Alianza (é
dicir, nós) coas súas toneladas de bombas, drones,
envíos de armas e os eufemisticamente chamados
"asesores", quen vai gañar esta guerra, garantindo
que a nova Libia naza en débeda cos seus
salvadores, e necesite a súa protección durante
unha tempada.
Non os sei, pero a min paréceme fatal que fagan e
desfagan tanto nun mes que ata agora se respectaba
como inhábil. É coma se che meten un gol no
descanso, mentres estás na ducha, e sobe ao
marcador. Apaño, apaño. De modo que o principal
cambio deste axitado agosto foi precisamente a
abolición de agosto, e sen consultarnos en
referendo.
Eu, de natural mal pensado, temo que ademais de
aproveitar que estamos coa garda baixa, haxa outra
intención: cargarse agosto para de paso rematar
coas vacacións (pagadas, enténdese), que se foron
convertendo nun privilexio de cada vez menos
traballadores.
Isaac Rosa
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript