29/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Novo contrato de formación
Goberno explica que o novo contrato de formación se poderá realizar con mozos de entre 16 e 25 anos que carezan de cualificación profesional algunha, se ben, de xeito transitorio, ata o 31 de decembro de 2013, esta modalidade contractual tamén poderá efectuarse con mozos de ata 30 anos sen cualificación profesional. No caso de celebrarse con persoas con minusvalidez, non haberá límite máximo de idade.
No texto explicítase que
a duración
do contrato será de dous anos, aínda que poderá
prorrogarse outro ano máis en función das
necesidades formativas do traballador ou das
necesidades organizativas das empresas. Unha
vez expirada a duración do contrato, o traballador
non poderá ser contratado baixo esta modalidade
pola mesma ou distinta empresa. Estes contratos non
poderán efectuarse cando o posto de traballo
correspondente ao contrato sexa desempeñado con
anterioridade polo traballador na mesma empresa por
tempo superior a un ano.
As empresas que, ao finalizar a súa duración,
transformen estes contratos en indefinidos poderán
gozar dunha redución na cota empresarial da
Seguridade Social de 1.500 euros ao ano durante
tres anos. No caso das mulleres, a rebaixa na
cotización será de 1.800 euros anuais. Para ter
dereito a estas reducións, a transformación deberá
implicar un aumento no nivel de emprego fixo das
empresas contratantes.
O traballador suxeito a este contrato
deberá
recibir a formación oportuna nun centro formativo
recoñecido polo sistema nacional de emprego e a
actividade laboral que desempeñe na empresa deberá
estar relacionada coa formación que estea a recibir.
Esta terá que comezar como máximo nun prazo de
catro meses a contar dende a data da celebración do
contrato.
O SMI SERÁ
A REFERENCIA E A XORNADA NON PODERÁ SUPERAR O 75%
Segundo o borrador, o traballador poderá solicitar
un certificado de profesionalidade en función da
cualificación ou competencia profesional adquirida
a través do contrato.
O tempo de
traballo efectivo que desempeñe o traballador
deberá ser compatible co dedicado ás actividades
formativas e non poderá superar o 75% da xornada
máxima prevista en convenio ou, no seu
defecto, da xornada máxima legal. Tampouco poderán
realizarse horas extraordinarias nin traballos
nocturnos ou a quendas.
A retribución do traballador contratado baixo esta
modalidade fixarase en proporción ao tempo de
traballo efectivo pero, en ningún caso, o salario
percibido poderá ser inferior ao SMI en proporción
ás horas efectivas dedicadas. Ademais, o
traballador contratado baixo esta modalidade terá
dereito a prestación por desemprego e estará
protexido por todas as continxencias e prestacións
da Seguridade Social.
As empresas que efectúen contratos desta natureza
dende a entrada en vigor da lei e ata o 31 de
decembro de 2013 con traballadores maiores de 20
anos e inscritos no paro con anterioridade ao 16 de
agosto de 2011 terán dereito,
durante
toda a vixencia do contrato, a unha redución das
cotizacións empresariais do 100% no caso de que a
empresa empregadora teña un persoal inferior a 250
persoas ou do 75% se igualan ou superan esa cifra.
Para ter dereito a estas bonificacións, estes
contratos deben traducirse nun aumento de persoal
no seo das empresas.
Así mesmo, os traballadores contratados baixo esta
modalidade estarán eximidos de pagar as súas
cotizacións á Seguridade Social durante toda a
vixencia do contrato.
Zapatero esfórzase en amosar a súa servidume ao
capital até o último minuto do seu mandato.
É de público coñecemento, por experiencias
anteriores, que esta modalidade contractual só
serve para precarizar aínda máis o mercado laboral
ó poñer a disposición do empresariado traballo real
como se fose de formación, o/a traballador/a cobrar
o Salario Mínimo Interprofesional pola parte
proporcional do tempo real de traballo e liberarse
ao empresario do pago de até o 100% das cotizacións
empresariais.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript