29/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Modificación constitucional, golpe de estado neoliberal
Non imos ter unha modificación constitucional que reflicta os dereitos nacionais de Galicia. Non imos ter unha modificación constitucional que elimine dunha vez a monarquía. Imos ter unha modificación constitucional que estableza o que os mercados veñen reclamando desde fai tempo, o límite de gasto na administración pública.
A limitación do gasto, acordada entre PSOE e PP, é un ataque directo ás políticas públicas que redundan no benestar dos cidadáns
Os dous grupos maioritarios do parlamento
deron o visto bo a unha modificación da Carta
Magna, da Constitución, esta vez (é a segunda)
destinada a impoñer un teito de gasto na propia
Administración coa finalidade de limitar o déficit.
Faltoulles tempo despois da reunión, a semana
pasada, de Sarkozy e Merkel onde se decidiu esta
medida, para levala á práctica. Será, polo tanto, o
Goberno, ou os líderes europeos unha vez máis ou
os propios mercados os que determinen, en
definitiva, o que se destinará a sanidade,
educación, dependencia…
Non fai moito que se nos prometeu que íamos cara o
estado de benestar agora estanse dando os pasos
necesarios para desmontar o pouco que se tiña
andado, e que parecía consolidado, nese camiño. O
que realmente vai propiciar esta medida é a
limitación no gasto das Administracións Públicas,
garantes dos servizos que recibe a comunidade.
En base á limitación que se impoña xustificaranse a
diminución cando non a eliminación dos servizos
públicos introducindo, polo camiño, o temido repago
(volver a pagar por un servizo polo que xa estamos
a cotizar).
Coa finalidade de corrixir o déficit optan os
partidos que avalan esta modificación
constitucional, tanto por activa, apoiándoa, como
por pasiva, non opoñéndose a ela, pola política de
aforro sen nin sequera pensar noutras vías de
financiamento optando pola aplicación dunha
política fiscal progresiva e progresista. Obrigando
á banca a devolver os millóns de euros que se lle
entregaron para favorecer o crédito e que
empregaron en “amañar” as contas de resultados.
Miran, unha vez máis, para outro lado no control da
evasión fiscal e da eliminación dos privilexios das
SICAV,,,, aplicando as política máis prexudiciais
para a cidadanía.
Os gobernos e os políticos, con medidas coma esta,
admiten sen rubor que seguen as directrices dos
foros do capitalismo internacional e non pasa nada.
A política pregouse descaradamente aos intereses
económicos, todo está deseñado para que a crise a
paguemos os traballadores/as e as clases máis
desfavorecidas.
Neste sentido, o que se debería facer é o
contrario, a Constitución ten que establecer que os
servizos que recibe a sociedade (e os que nesa
andaina cara a ese desexado estado de benestar se
vaian implantando) teñen que ser garantidos.
Tamén se, como principio, todas as normas que
afecten á cidadanía deberían ser consultadas
directamente á cidadanía, con máis razón un
precepto que foi aprobado en referendo, cando se
modifica, en todo ou en parte, corresponde a
realización da consulta pertinente.
Os que no seu día nos opuxemos activamente á
aprobación da constitución vixente porque, entre
outras cousas, non respectaba os dereitos nacionais
de Galicia e porque impoñía unha forma de goberno,
a monarquía, a todas luces antidemocrática, temos
que dicir que esta reforma é, tamén, inaceptable,
esta vez porque é un ataque directo ao Estado
Social e de Dereito.
A decisión tomada polos partidos maioritarios,
referentes do bipartidismo gobernante, fai máis
necesaria a organización e a mobilización arredor
doutra articulación do estado e da modificación que
se nos quere impoñer. Si deixamos que esta
determinación se leve á práctica, sen a
contestación necesaria, a posibilidade duna saída
social da crise como vimos reclamando estará cada
día máis lonxe.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript