29/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
Simplemente democracia
Cando Zapatero se presentou
como candidato do PSOE as pasadas eleccións xerais, negou na
súa campaña a existencia da crise. O programa do seu
partido, polo tanto, non recollía ningunha medida anticrise.
Os cidadáns votamos siglas e programas, aínda que na súa
maioría non os lésemos. Pero, durante os últimos anos, o
Goberno distinguiuse por unha clara política antisocial.
Este golpe de man non foi avalado democraticamente polos
cidadáns que votaron ao Partido Socialista.
Agora preténdese outro novo golpe antidemocrático e contra o
Estado do benestar, vía reforma constitucional. Novamente o
bipartidismo a través do consenso entre un Goberno moribundo
e unha oposición sedenta de poder. Zapatero debe render
contas ante o seu partido e ante todos os cidadáns,
convocando un referendo. É simplemente democracia.
Que lles pasa aos nosos policías?
Que lles pasa estes rapaces tan altos,
atléticos, mesmo guapos, cando se encontran
cunha porra na man fronte a cidadáns
indefensos? Dise por aí que se toman algo antes
de entrar en acción; non o creo. Dise que os
ximnasios aos que acoden están cheos de cabezas
rapadas cos que confraternizan; créoo aínda
menos. Corre o rumor de que teñen a consigna de
non levar identificación nin se identificar
para evitar reclamacións das posibles vítimas;
paréceme incrible que os seus mandos o apoien.
Algúns testemuños de mozos que se enfrontaron
con eles cualifícanos de fachendosos, abusóns e
machistas; cústame crer que as análises
psicolóxicas non detecten esas tendencias.
Pero, se ningún deses rumores é certo, queda no
aire a pregunta inicial: Que lles pasa aos
nosos policías para que se empreguen con tanta
crueldade contra cidadáns indefensos?
A educación é a base da moral das persoas
Nestas datas próximas ao inicio do curso
escolar estaría ben fomentar entre os nenos
unha actitude crítica cara ao consumo. Non é
necesario comprar todo o material escolar ao
inicio do curso. Comprobemos xunto aos nosos
fillos que material aínda serve, planifiquemos
as compras con listas, deixemos que eles tomen
nota e aprendan a comparar prezos. É bo
ensinarlles que é mellor o material reciclado
ou que se poida reciclar. Tamén é positivo
instalos a non caer na marquitis. E, sobre
todo, non converter estes momentos nunha
carreira de obstáculos, pois todo se pode falar
e razoar. Hai que procurar non rematar nunha
disputa algo que empezou coa intención de ser
educativo e participativo, aínda que a
autoridade debe de prevalecer ante os
caprichos. Xa o dixeron por aí: "En educar os
teus fillos, gasta a metade de diñeiro e pasa o
dobre de tempo".
Reformar a Constitución a conveniencia
Non sei ata que punto é válida a reforma da
Constitución que se realizará por imposición do
ser supremo mercado. Segundo a Carta Magna
española, pódese realizar, pero resulta
innegable a súa inmoralidade. Estamos en mans
de deputados elixidos por nós que non nos
representan, só representan o capital,
demostrándonos que para eles os cidadáns non
contamos. Espero que polo menos se cumpra o
artigo 167.3, que especifica que "unha vez
aprobada a reforma polas Cortes Xerais, será
sometida a referendo para a súa ratificación
cando así o soliciten unha décima parte dos
membros de calquera das cámaras". Pero os
deputados dispostos a iso son poucos. Estamos
en mans do Senado, e considero que debería
esixirse un referendo porque os menores de 50
anos non aprobaron a actual Constitución. Esta
debe ser reformada para eliminar os privilexios
entre cidadáns de primeira e de segunda.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript