agosto de 2011
 
 

29/08/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

A Mesa censura que o Concello de Ferrol lle dea cobertura aos grupos de presión contra o galego

Que Vilariño Anca sexa o responsábel de defender o galego é ”pór o raposo a coidar das galiñas”, manifesta Carlos Outeiro

 

  • Noticias relacionadas

 

O responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Ferrol, Carlos Outeiro, traslada a súa sorpresa e preocupación pola nefasta actuación do Sr. Vilariño Anca como alcalde en funcións do concello cabeceira da comarca.
 
Lonxe de se ocupar do importante problema de desemprego que soporta este concello, A Mesa censura que o rexedor en funcións se dedique a lle dar cobertura a grupos de presión contra o galego. A asociación de defensa da lingua, que con anterioridade solicitara unha xuntanza co alcalde de Ferrol, ante esta nova situación, urxe a José Manuel Rey Varela a aclarar “se participa da visión contra o galego que amosa o seu compañeiro Vilariño Anca”.
 
A Mesa desexa saber se o alcalde de Ferrol participa da campaña “que pretende relacionar a opción política nacionalista coa defensa da lingua galega” e lembra que moitos dos votantes do Partido Popular “non só son galegofalantes, senón que estes e outros que adoitan utilizar o castelán defenden a súa lingua propia, o galego”.
 
A entidade cidadá que coordina na bisbarra ferrolá Carlos Outeiro tamén quere saber se o alcalde da cidade departamental “pretende impulsar regresións na normativa do concello en contra das obrigas estabelecida no Estatuto de Autonomía ou na Lei de Normalización Lingüística, no sentido do apoio constante e progresivo do galego”. Para o colectivo, o motivo para apoiar unha posíbel regresión normativa neste sentido “levaría a crear un conflito entre os ferroláns en función da lingua que utilizan”; iniciativa que tildan de “moi irresponsábel” e da cal A Mesa “nunca participou”.
 
A Mesa ten interese en saber se o executivo municipal continuará destinando parte dos escasos recursos económicos municipais a actividades de grande proxección pública como a FIMO deste ano, a cal, como a asociación xa denunciou, executouse exclusivamente en castelán, evitando o galego e impedindo a visitantes ocasionais nestas datas estivais, que en moitas ocasións son anglófonas, podérense informar correctamente.
 
En definitiva, A Mesa insta a José Manuel Rey Varela a que “faga parte dos intereses económicos e culturais do conxunto de Ferrol apoiando o galego” e non “dos intereses de grupos de presión cunha presenza nos medios de comunicación moito maior da súa representatividade real que soamente buscan unha marxinalización aínda maior do galego”.

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript