agosto de 2011
 
 

23/08/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Só un 38% da mocidade usa o galego fronte a un 60% o castelán

Ademais, segundo se desprende dos datos obtidos das enquisas, o uso do galego está sobre todo vinculado á relación cos máis próximos, é dicir no ámbito familiar, mentres que o seu uso se reduce na escrita e nos contactos con descoñecidos

 

  • Noticias relacionadas

 

Polo que respecta ao uso do castelán entre os mozos, a porcentaxe é 5,4 puntos menos que no informe elaborado hai catro anos. Así mesmo, un 0,2% emprega outras linguas, mentres que unha porcentaxe do 1,3% non achegou información.
 
O informe Xuventude Galega 2010 baséase nun estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela a partir de 1.200 enquisas presenciais a mozos e a mozas de entre 15 e 29 anos. Este traballo sociolóxico, que se enmarca no plan Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega, inclúe unha pregunta relativa á lingua empregada habitualmente en once situacións diferentes da vida cotiá, centradas nas relación cos máis próximos, en diferentes ámbitos sociais, en actividades funcionais diarias tanto orais como escritas e mais en intercambios orais espontáneos.
 
Usos por ámbitos
 
Este uso favorable do galego no ámbito familiar por parte do grupo de idade de 15 a 29 anos tamén se constata na Enquisa de condicións de vida das familias galegas 2008 (ECVFG-2008), segundo informa a Xunta. O estudo realizado polo Instituto de Estatística de Galicia (IGE), que inclúe preguntas sobre lingua inicial e habitual, usos lingüísticos, coñecemento das linguas, dinámicas de mantemento e cambio de idioma etc., indica que utiliza sempre o galego ou máis galego ca castelán o 43% dos mozos e mozas dese grupo de idade.
 
En todo caso, o sector da mocidade, que é o que garante o uso futuro do idioma propio, utiliza menos o galego que a media da poboación. Así, os mozos non acadan, tanto no ámbito familiar, como laboral e o social, os usos lingüísticos galegófonos en xeral que se sitúan no 51,8%, no 48,4% e no 50,7%, respectivamente.
 
No que respecta ao ámbito laboral, cos compañeiros/as de traballo, co persoal ao cargo, cos superiores e cos clientes, en Galicia utiliza sempre o galego ou máis galego ca castelán o 45,5% da mocidade. Mentres, no ámbito social, o 40,5% dos mozos e das mozas utiliza maioritariamente o galego cos amigos/as, comerciantes, médicos/as, profesorado dos fillos/as, persoal da administración e persoal bancario.


Xornal

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript