23/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Galicia ten o triplo de traballadores afectados por un ERE que o ano pasado
As regulacións autorizadas creceron un 21,7% e os asalariados incluídos en despedimentos colectivos incrementáronse ata os 1.006 durante o primeiro cuadrimestre deste ano
A reforma laboral, que custou ao Goberno de
Zapateiro a súa primeira -e ata agora única- folga
xeral en setembro de 2010, non serviu para frear a
onda de despedimentos na comunidade (ese non era o
seu obxectivo, o que se fixo foi abaratar o
despedimento). Lonxe de reducirse, o número de
traballadores afectados por un Expediente de
Regulación de Emprego (ERE) triplicouse en Galicia
no primeiro cuadrimestre do ano, con respecto ao
mesmo período de 2010, e o mesmo acontece cos
empregados incluídos en despedimentos colectivos,
segundo os últimos datos dispoñibles no Boletín de
Estatísticas Laborais (BEL) do Ministerio de
Traballo.
Só Cataluña e Madrid rexistraron no primeiro
cuadrimestre do ano máis traballadores afectados
por un ERE -de extinción, suspensión de contrato ou
de redución de xornada- que Galicia, pero a
comunidade galega foi a que máis empregados
regulados por expedientes sumou en relación ao
mesmo período de 2010. Galicia concentrou entre
xaneiro e abril 12.394 afectados, fronte aos 16.720
de Cataluña e os 15.230 de Madrid. A comunidade
catalá, malia ser a que concentra máis
traballadores sometidos a unha regulación laboral,
reduciu nun 23,5% a cifra respecto aos catro
primeiros meses de 2010, cando contaba con 21.883
afectados. En Madrid, aumentaron un 86,9%, case a
metade do incremento galego (+166,4%), con 7.742
traballadores afectados máis que no primeiro
cuadrimestre do ano pasado.
Os asalariados incluídos nunha regulación de
emprego disparouse en todas as provincias galegas.
A Coruña contabilizou 2.006 afectados, fronte aos
1.774 dun ano antes; Lugo, 606 (tiña 316) e
Ourense, 455, fronte aos 81 do primeiro
cuadrimestre de 2010. Pontevedra foi a provincia
máis prexudicada, con 9.327 casos, 6.846 máis que
un ano antes. A reforma laboral propiciou que o
número de expedientes autorizados creza un 21,7% en
Galicia nin que aumenten un 39,8% no conxunto do
Estado os traballadores incluídos nun ERE. Polo
menos durante os catro primeiros meses do ano, nos
que a cifra creceu ata os 98.151. A nova regulación
ten como un dos seus obxectivos impulsar a
flexibilidade interna das empresas para reducir os
despedimentos, e é certo que o número de
traballadores incluídos nun expediente de redución
de xornada aumentou en Galicia dende os 178 de 2010
ata os 1.060 rexistrados entre xaneiro e abril
deste ano. O problema é que ao mesmo tempo se
triplicaron os asalariados sometidos a
despedimentos colectivos.
No primeiro cuadrimestre contabilizáronse na
comunidade galega 1.006 traballadores incluídos en
despedimentos colectivos, un 182,5% máis que un ano
antes -aínda sen a reforma, que se aprobou en xullo
de 2010-, con só 356 empregados afectados. En
relación ao cuadrimestre anterior, a cifra
incrementouse un 111,3%.
Os empregados afectados por un despedimento
colectivo, non obstante, representan só o 8,1% do
total, unha porcentaxe similar aos incluídos nun
expediente de redución de xornada (un 8,5%). A
maioría, un 83,3%, afrontan expedientes de
suspensión. Neste caso os afectados aumentaron un
150,8% ata os 10.328, mentres que un ano antes
había 4.118.
A reforma laboral cumpre os seus obxectivos,
facilitar o despedimento e facelo a custo cero para
o empresario, en definitiva xeneralizar a
precariedade e fai, en última instancia que sexamos
os traballadores e traballadoras os que paguemos
unha crise que non creamos.
Mentres todo isto acontece os sindicatos
maioritarios abrazan, unha vez máis, os postulados
gobernamentais apoiando una diminución salarial
para traballadores e traballadoras.
Cunha actuación “condescendente” coa situación non
imos solucionar os problemas económicos e sociais
da clase traballadora, todo o contrario
fortalécense as políticas encamiñadas á
implantación de máis explotación e precarización de
clase.
A alternativa de clase pasa pola mobilización e a
aniquilación do sistema.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript