17/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Nulidade do despedimento dun traballador de baixa médica que é presionado para que se reincorpore ao traballo
Así o declarou o
Tribunal Supremo en Sentenza do 31 de xaneiro pasado.
Na carta de despedimento facíase referencia á
falta de "colaboración" do traballador cos servizos
médicos propios da empresa, relacionándoo coa súa
negativa a solicitar a alta ao seu médico de
cabeceira.
Tamén queda acreditado que a empresa despedira en
moitas ocasións a traballadores en situación de
baixa médica cando non aceptaban as recomendacións
do servizo médico de empresa encamiñadas a unha
reincorporación paulatina.
A sentenza considérao unha práctica habitual que
vai acompañada da advertencia de despedimento,
cualificándoo de coacción ao traballador que conta
cun parte médico expedido por un facultativo da
sanidade pública que entende que non se encontra en
condicións para reincorporarse ao traballo.
O Tribunal Supremo fai referencia á doutrina do
Tribunal Constitucional, recollida en dúas
Sentenzas do 2007, que vén a sinalar que o dereito
a que non se dane ou prexudique a saúde persoal
queda comprendido no dereito á integridade persoal
(art.º 15 da Constitución: "Todos teñen dereito á
vida e á integridade física e moral, sen que, en
ningún caso, poidan ser sometidos a tortura nin a
penas ou tratos inhumanos ou degradantes. ... "),
pero só aquel risco ou dano que xere un perigo
grave e certo para a saúde provocado por unha
actuación ou omisión da empresa.
Di o TS que "...a presión baixo ameaza de
despedimento para que o traballador abandone o
tratamento médico que, con baixa no traballo, lle
foi prescrito constitúe unha conduta que pon en
risco a saúde e, por iso, unha actuación deste tipo
ha de considerarse como lesiva para o dereito á
integridade física de acordo coa doutrina
constitucional citada. ".
Hai que sinalar que o criterio do TS vén sendo
contrario á nulidade cando se demostra que a causa
real do despedimento é o feito de encontrarse a
persoa de baixa. O tempo aclarará que recorrido ten
esta sentenza, toda vez que se trata dun caso moi
particular no que se puido acreditar as ameazas de
despedimento e as coaccións da empresa.
Algunha pista dános o profesor de Dereito do
Traballo autor do articulo nun xornal especializado
do que sacamos a información, quen, disimulando
malamente o seu desgusto pola noticia, remata o seu
comentario dicindo: "Encontrámonos, en fin, ante un
criterio que, de ser confirmado polo Tribunal
Constitucional, supoñerá a revisión dalgunhas
prácticas empresariais de control 'de cerca” da
incapacidade temporal. ".
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript