17/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A CORUÑA. A Mesa censura as palabras da concelleira de cultura da
Coruña sobre o suposto carácter “excesivamente galego” da anterior programación cultural da cidade
Na entrevista concedida a un medio de comunicación, Ana Fernández sinalaba que “hai que facer espectáculos nunha lingua que a xente entenda (sic)”
A asociación recorda que “durante demasiados anos” a galeguidade foi “causa suficiente para verse excluído da programación cultural oficial”
A Mesa pola Normalización Lingüística censura
as declaracións da concelleira de Cultura da
Coruña, Ana Fernández, quen na entrevista concedida
a un medio criticaba o “excesivamente galega” que
ao seu xuízo foi a programación cultural deseñada
pola súa antecesora no cargo, a nacionalista María
Xosé Bravo.
Na entrevista publicada en pasados días, a
concelleira de Cultura afirmaba sen reparo que para
conseguir unha maior asistencia de público aos
eventos culturais estes debían estar “nun idioma
que a xente entenda”, xustamente logo de criticar
que durante a anterior lexislatura se fixeron en
materia de cultura na cidade “cousas demasiado
galegas (sic)”.
A Mesa insta a Ana Fernández a “rectificar” de
inmediato unhas declaracións “absolutamente
improcedentes” que, na opinión da asociación, son
indicativas dunha visión “absolutamente inxusta,
prexuiciosa e acomplexada” do que representa e
simboliza unha cultura galega que é “plural,
enriquecedora e creativa, caracterizada pola
diversidade da súa oferta e públicos e mesmo pola
súa importantísima proxección internacional”. “A
cultura galega non limita; son actitudes como as de
Ana Fernández as que parten dunha visión máis que
limitada”, engade a que por número de persoas
asociadas é a maior entidade cultural de Galiza.
A Mesa considera, ademais, “unha rotunda falsidade”
que a programación festiva ou cultural impulsada
desde o Concello da Coruña nos últimos anos
estivese caracterizada por unha “sobredimensión” de
oferta cultural autóctona ou mesmo por unha
“exclusión” de iniciativas ou proxectos
provenientes doutros lugares. Moi ao contrario, a
entidade cidadá considera que a programación
festiva promovida polo Concello da Coruña a través
da súa Concellaría de Festas “non variou
notoriamente” un modelo caracterizado, en opinión
da asociación, “por unha oferta esencialmente
foránea, máis pensada para un público que visita a
cidade durante o verán que para o goce e lecer da
propia veciñanza” e por unha estrutura “máis ben
pouco receptiva” a acoller na programación festiva
“iniciativas ou proxectos artísticos ou musicais
surxidos na propia cidade á marxe das canles
comerciais” e “notoriamente reacia” a calquera
proposta cuxo vehículo normal de expresión fose o
galego.
A Mesa recórdalle ao goberno presidido por Carlos
Negreira que, pola contra, o Concello da Coruña si
considerou durante moitos anos “a cuestión da orixe
ou da lingua empregada se esta era o galego” para
“excluír” da súa oferta festiva e cultural moitas
iniciativas e proxectos surxidos, por exemplo,
desde o movemento asociativo cultural de base, que
“endexamais tivo canles para participar no deseño
das festas ou da oferta cultural”. A entidade
cidadá pídelle ao goberno local do Partido Popular
“que venza a tentación de viaxar ao pasado”.
A Mesa anima a enviar correos-e reclamando o
cesamento ou dimisión da concelleira
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript