agosto de 2011
 
 

08/08/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Contra o terrorismo financeiro

A extraordinaria suba da prima de risco española e doutros países aínda máis próximos ao corazón da vella Europa ponnos ao bordo do límite do que a cidadanía non debería consentir.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nada cambiou no estado español nos últimos días -salvo a celebración de novas poxas de débeda pública, claro está- que puidese dar a entender a "os mercados" que a situación da nosa economía é peor que hai unhas semanas e que, polo tanto, xustifique unha suba no tipo de xuro que debamos que pagar para financiarnos. Trátase, tan só, de novas operacións de casino que apostan sobre seguro, provocando elas mesmas os resultados que máis lles conveñen a investidores que, por suposto, non albergan ningunha preocupación acerca do que suceda na economía real, na vida da xente, senón en como mellorar as súas posicións de aposta para gañar máis diñeiro.
 
Cando os bancos que provocaran a crise que estamos a vivir necesitaron financiamento, os gobernos e o Banco Central Europeo non dubidaron en acudir no seu auxilio, nunha ocasións, porque dicían que eran "demasiado grandes para deixalos caer" e, noutras, porque había que "salvar ao sistema financeiro". Niso gastaron varios billóns de euros; máis de 800.000 millóns só en Alemaña e Francia.
 
Non obstante, cando foron os estados os que necesitaron financiamento, fundamentalmente como efecto da crise que provocaran os bancos, aínda que en moita menor medida, en lugar de recibila nas xenerosas condicións en que o obtivo a banca, tiveron que poñerse en mans desta. E grazas a iso os bancos non só levantaron de novo cabeza, prestando a tipos cinco ou seis veces máis altos o diñeiro que recibían ao 1% do Banco Central Europeo, senón que así puideron poñer contra as cordas aos gobernos e esixirlles novas reformas liberizadoras como condición imprescindible para saír da crise, cando, en realidade, foi a xeneralización dese tipo de medidas o que a provocou.
 
Os gobernos, e en concreto o do estado, veñen dicindo á cidadanía que para rematar con esta situación hai que contentar aos mercados e que para iso é inevitable levar a cabo as reformas que se lles esixen e que, en gran parte, xa se aplicaron: do mercado de traballo e das pensións, privatizacións de empresas públicas e, pronto, de servizos públicos esenciais. Pero estas receitas reveláronse como unha gran mentira, como evidencia o que nin estean a producir os efectos beneficiosos sobre a economía con que se xustifican, nin logren deter os ataques especulativos contra a nosa débeda.
 
Tratar de facer fronte a unha situación que o propio presidente da Xunta de Andalucía cualificou de "terrorismo financeiro" cedendo á extorsión, como está a facer o Goberno socialista, é algo peor que unha simple inxenuidade. As reformas que levou a cabo só serviron para debilitar aínda máis a capacidade de xeración de emprego e ingreso da nosa economía e, ao frear a recuperación e o crecemento da actividade, rematarán encarecendo aínda máis a débeda pública a medio e longo prazo, converténdose esta dinámica nun círculo vicioso que leve á ruína aos propios estados, aos seus servizos públicos esenciais e, por ende, a toda a cidadanía.
 
Ao terrorismo financeiro que está a destruír economías enteiras non se lle pode combater con sometemento, senón con firmeza e decisión, defendendo a economía que crea emprego, riqueza e benestar e cortando as ás dos capitais especulativos.
 
Europa ten medios para logralo.
 
Debe garantir que os estados dispoñan de financiamento adecuado a través do Banco Central Europeo, negociando para iso as condicións que lle permitan xerar ingresos e non destruír as súas fontes, como veu sucedendo. É unha ignominia inaceptable que se preste ao 1% a bancos irresponsables e que se obrigue a que os pobos teñan que facelo mesmo ao 10%, como está a acontecer nalgúns casos.
 
Ademais, Europa debe establecer impostos e taxas sobre as transaccións financeiras especulativas que as desincentiven na maior medida posible.
E Europa ten tamén a obriga moral de establecer controis de capital para impedir que financeiros sen escrúpulos sigan poñendo en xogo o futuro da Unión Monetaria, a estabilidade económica e social e o benestar dos seus cidadáns.
 
Pero nin o estado español nin o resto de países europeos poden esperar a que todo se resolva en Bruxelas. Equivocaranse unha vez máis este Goberno e os partidos políticos que o apoien se volven recortar dereitos sociais crendo que así diminuirá a voracidade dos mercados. Volveremos ir todos a peor, salvo a banca e as grandes empresas.
 
Nunha democracia real, as persoas son as verdadeiras depositarias da soberanía nacional e, polo tanto, deben constituírse en protagonistas das decisións políticas que se toman, como actores e como beneficiarios principais. Se vivísemos nesa democracia real, e os cidadáns soubesen de verdade o que está a pasar, non consentirían o tipo de terrorismo que se está a practicar, nin a complicidade dos gobernos. E por iso cremos que é fundamental que os movementos sociais e as organizacións políticas, sindicais e cidadás de todo tipo fagan o máximo esforzo para informar, concienciar e mobilizar a todas as persoas que, con independencia de ideoloxías ou de posicións políticas, simplemente se indignen e reaccionen ante a inxustiza e a irracionalidade que se nos está a impoñer.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript