08/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os xefes do Ibex sóbense o soldo un 11% tras gañar un 10% menos
Os altos directivos cobran un 12,7% máis e o aumento medio para aos empregados foi do 1,3%
As compañías do principal índice bolsista
do estado tiveron un semestre frouxo en beneficios
pero subíronse con forza os soldos da dirección.
Hai menos dun mes, o Consello Empresarial para a
Competitividade, un ente creado en febreiro pasado
por 17 das maiores empresas do estado co obxectivo
declarado de "promover propostas" e "fortalecer a
confianza en España", propoñía "a vinculación dos
salarios aos incrementos de produtividade e aos
resultados empresariais" como unha das vías para
saír da crise. Os xestores das compañías do Ibex 35
(principal índice bolsista), moitas das cales
forman parte dese lobby, non se están a aplicar esa
receita, a teor das súas contas semestrais. Entre
xaneiro e xuño, os seus Consellos de Administración
repartíronse 110,8 millóns de euros, un 11,6% máis,
malia que as empresas reduciron o seu beneficio un
10,5%, ata 16.246 millóns.
O cómputo baséase nos datos de 24 compañías do
Ibex. Falta algunha moi importante, como Inditex
(que ten un exercicio fiscal diferente),
Arcelormittal (con sede en Luxemburgo) e outras
máis pequenas que aínda non presentaron contas.
Tampouco está Mapfre, que non achega os mesmos
datos que o resto, o que impide a comparación. E de
aquí a decembro pode haber sorpresas, como o bono
de 55 millóns que o grupo de reservas turísticas
Amadeus pagou na segunda metade de 2010 aos seus
altos directivos para premialos por saír á bolsa.
Son, polo tanto, cifras provisionais, pero que
indican que a austeridade salarial para os xestores
do Ibex durou máis ben pouco: en concreto, un ano.
Dende 2008, os beneficios caeron o dobre que o
soldo dos vogais
En 2010, por estas mesmas datas, os conselleiros do
Ibex comunicaron un descenso do 31,7% na súa
retribución, sen precedentes ata entón, e moi
superior á caída do beneficio desas mesmas empresas
(4,8%). Non obstante, dende o primeiro semestre de
2008, o último ano de vacas gordas en canto a
ganancias empresariais, os soldos dos xestores
caeron un 17,6% e os beneficios das empresas, o
dobre (33,4%).
Na primeira metade deste ano, as subas de soldo
beneficiaron tamén á segunda liña xestora, a alta
dirección. En conxunto, cobraron 150,5 millóns, un
12,7% máis. É previsible un descenso ao peche deste
ano, polo efecto dos bonus de Amadeus. Como as
empresas só detallan nas súas memorias anuais
cantos altos directivos teñen, non é posible
calcular a media este semestre. Este é o dato que
mellor ilustra a brecha salarial nas compañías, xa
que na alta dirección existe maior homoxeneidade
retributiva que no Consello, onde hai enormes
diferenzas.
Pero o dato está aí: o soldo medio dos empregados,
calculado en función do persoal total e dos custos
de persoal (que inclúen conselleiros e altos
directivos), apenas creceu un 1,3% no semestre.
Sitúase en 21.184 euros por seis meses de traballo,
fronte aos 321.206 percibidos, de media, por un
conselleiro do Ibex nese período (un 7,2% máis).
Neste primeiro semestre, o IPC aumentou, de media,
un 3,5%. Os gastos de persoal das compañías
creceron un 4,5% e o persoal medio, un 3,6%, ata
superar o millón de empregados. O número de
conselleiros, pola súa banda, aumentou un 3,1%.
Repsol e Telecinco teñen as maiores subas da
retribución
Entre as 24 empresas analizadas, catorce subiron o
soldo aos seus conselleiros, que son os
responsables da política de retribucións da cúpula.
O resto baixoullo ou incrementouno lixeiramente. Na
alta dirección, o balance é parecido: hai subas de
soldo en quince casos. En canto ao beneficio, só
aumenta de forma significativa en nove empresas.
A suba de soldo máis relevante corresponde a
Repsol, que duplicou de sobra a retribución do
Consello, ata 10,4 millóns, malia que o beneficio
da petroleira se estancou neste semestre.
O motivo é unha "gratificación puntual" para o seu
comité executivo, asociada aos resultados de 2010
(cando o grupo triplicou os seus beneficios), e a
un plan plurianual de incentivos. A alta dirección
de Repsol tamén é a que maior incremento de soldo
recibe de todo o Ibex: pasou de cobrar 5,3 millóns
a recibir 11,6 millóns por outro bonus. En 2009,
Repsol foi a primeira grande empresa do estado
español que conxelou, para "dar exemplo", os soldos
da súa cúpula ante a crise. Pero, xa en febreiro
pasado, o seu presidente, Antoni Brufau, argumentou
que a compañía "é global, non só española", cando
se lle preguntou se mantería esa política de
austeridade salarial durante este exercicio.
Galán é o único que analiza as súas ganancias de
7,9 millóns
Gas Natural, participada pola petroleira, tamén
destaca polo incremento dos soldos do consello
(30%) e da alta dirección (26,7%), aínda que o
beneficio caeu un 3,6% no semestre, polo pagamento
de senllos bonus ligados á compra de Unión Fenosa.
Non obstante, a gasista logrou case manter as súas
ganancias, algo que non pode dicirse nin de
Telecinco nin de Santander, que reduciron os seus
beneficios en torno a un 21%. O consello de
Telecinco subiuse o soldo un 48,1% (o segundo maior
aumento) e o do banco, un 25,4%.
De entre as maiores subas de soldo, Iberdrola é
unha das poucas excepcións nesa asimetría entre
resultados e retribucións: o Consello cobrou un
33,2% máis e os beneficios aumentaron, aínda que
moito menos (un 6,6%). O presidente da eléctrica,
Ignacio Sánchez Galán, é un dos poucos que analiza
os seus emolumentos no primeiro semestre (a final
de ano, será obrigatorio pola Lei de Economía
Sostible). Ata xuño, Galán cobrou, por todos os
conceptos, 7,4 millóns, incluíndo un bonus de
500.000 accións valorado nuns 2,9 millóns.
Artigos diario Público
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript