08/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A Universidade debe cambiar o discurso coa Xunta.
Empeza a ser algo esquizofrénica a posición da UDC ao respecto do reparto do orzamento pactado (coa abstención da Universidade da Coruña) entre a Xunta e as Universidades públicas de Galicia.
A UDC asina todo o que lle poñen enriba da mesa pero, iso si, deixando claro que reclama un reparto do diñeiro que prime factores coma o do número de alumnos.
Para esta reclamación o interlocutor de turno
non ten resposta ou non a explicita pero ben
poidera ser aquilo de que “asine se quere e se non
está de acordo non o faga”.
Está, a nosa universidade, nunha diatriba da que
non sabe como saír, por un lado quere, e está,
dentro do sistema pero o sistema afógaa
sistematicamente. Opta, de momento, polo camiño do
medio asina un reparto que lle prexudica seriamente
pero deixa claro que non é o reparto que quere, o
malo é que cos cartos recibidos a calidade do
servizo resentirase o que, á súa vez repercutirá na
consecución de obxectivos e isto levará, de novo a
un reparto dos novos fondos que volverá a ser
negativo…
Xogámonos moito, co EEES non podemos andar con
florituras os mellores docentes e os mellores
alumnos (ou a maior parte deles) optarán polas
universidades de máis calidade e con mellores
niveis de servizos e, por esta vía a UDC non
competirá, e cada vez menos, en igualdade coas
outras universidades galegas e do estado.
O coro político-mediático tamén se pronunciou ao
respecto, no espazo físico que abarca a
Universidade da Coruña opta pola vía de reclamar o
mesmo reparto que a UDC e acode solidaria facendo a
mesma reivindicación, o malo é que, como no caso de
medicina, o que di aquí non é extrapolable a toda
Galicia, noutras cidades reivindicarán as mesmas
alternativas que defende a universidade alí
implantada.
A UDC ten que manterse firme nas súas
reivindicacións coa Xunta, non pode facer deixazón
de responsabilidade en temas tan importantes coma o
orzamentario ou a residencia universitaria, nestes
temas, coma nalgún outro, non se pode nadar e
gardar a roupa, hai que poñer toda a carne no
asador porque diso depende o futuro da institución.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript