08/08/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A Xustiza obriga a Deputación de Pontevedra a facer o BOP en galego
Condena a administración provincial por “non aplicar” a normativa lingüística que esixe usar o idioma propio
O Xulgado Contencioso Administrativo número 2
de Pontevedra condena a Deputación provincial “ao
exacto cumprimento da ordenanza referida coa
íntegra publicación en galego do Boletín Oficial da
Provincia (BOP), tanto no referido ao formato (...)
como aos textos propios da administración
provincial”.
Na sentenza, feita pública a pasada semana, o
Xulgado estima o recurso contencioso administrativo
presentado polo deputado provincial Gabriel
Martínez, que denunciou o “sistemático e continuo
incumprimento por parte da Deputación da
lexislación vixente en materia lingüística”.
Polo tanto, obriga o organismo a publicar o seu
boletín oficial na lingua propia, e non en castelán
como fai agora, aínda que a sentenza aínda pode ser
recorrida pola institución.
REPROCHES DO XULGADO
O recurso á Xustiza por parte do representante
provincial do BNG chegou logo da publicación de
varios escritos do BOP en castelán, incluído o seu
encabezado, e tamén tras as continuas e
insatisfactorias respostas que a Deputación lle
proporcionou durante meses sobre este particular.
Por iso, Gabriel Martínez solicitou o cumprimento
da lexislación vixente en materia lingüística,
tanto o que se refire ao Estatuto de Autonomía,
como a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, a
Lei de Administración Local de Galicia, a Lei 5/88
de uso do galego como lingua oficial polas
entidades locais ou da propia Ordenanza de
normalización lingüística da
Deputación.
Ante a continuada publicación de boa parte do BOP
“unicamente en castelán”, como recorda o
denunciante, Gabriel Martínez presentou unha
reclamación ao que a Deputación contestou cun
recurso de reposición que agora resultou
desestimado pola propia Xustiza e despois de algo
máis dun ano de reclamacións e contestacións
insuficientes.
O organismo que preside o popular Rafael Louzán
argumentaba a cooficialidade do idioma castelá e a
autonomía local para xustificar a ausencia da
lingua propia de Galicia no seu Boletín Oficial,
ademais de aludir tamén á pretendida querenza do
demandante polo uso exclusivo do galego.
Agora, a sentenza do Xulgado Contencioso
Administrativo recorda que, “en contra do que
parece entender a administración demandada, non é
certo que a parte recorrente pretenda a publicación
integra do Boletín Oficial da Provincia en galego,
senón que o que se pretende (...) é que a
Deputación dea cumprimento á normativa existente,
incluída a que ela mesma
aprobou”, segundo figura
na sentenza, que destaca que a institución non
acata a normativa promovida internamente.
SEN CUMPRIR A NORMA
Para a Xustiza, tal e como aclara este texto legal,
“a Deputación provincial non está cumprindo as
normas de uso do galego, ao non ter en conta nas
súas publicacións, e en concreto no BOP, o esixido
pola lexislación aplicable, e que desenvolveu ela
mesma coas súas normas pero que, no entanto, non
leva á práctica”.
Non é a primeira vez que a Deputación de Pontevedra
é advertida pola ausencia da lingua galega nas súas
publicacións oficiais, pola ausencia do idioma
propio de Galicia nunha institución galega. Por
algo, por desgraza, xa habitual no país.
O Xornal
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript