agosto de 2011
 
 

01/08/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O escándalo das mutuas patronais

A maioría da cidadanía non coñece nin está informada sobre as Mutuas Patronais de Accidentes e Enfermidades Laborais, que teñen un enorme poder. As súas decisións afectan ao benestar e calidade de vida da maioría da poboación traballadora no país.

 

  • Noticias relacionadas

Son mutuas establecidas para compensar ás familias dos traballadores que morren en accidentes laborais, ou quedan incapacitados temporal ou permanentemente como consecuencia daqueles accidentes, ou enferman como resultado de causas laborais. Fináncianse con achegas empresariais que, en realidade, son achegas baseadas nas rendas do traballo orixinadas na empresa. As cantidades que tales mutuas manexan son enormes. En 2010, a diferenza entre os ingresos e os gastos foi a impresionante cifra de 5.000 millóns de euros. Estes fondos son xestionados por representantes do mundo empresarial que son tamén os que, na práctica, xestionan os criterios de compensación aos traballadores e o criterio de definir se as causas da morte, de incapacidade e/ou enfermidade son laborais ou non. É esta capacidade de definición a que lles dá un enorme poder, que ata hai moi pouco non se cuestionou. Estas mutuas sinalan que non son elas, senón o Estado, quen define tales criterios. Segundo eles, o que a mutua fai é meramente aplicar a normativa oficial. A realidade, non obstante, é moi distinta.
 
Como resultado deste poder, España encóntrase nunha situación única nos países da OCDE (o club de países máis ricos do mundo): a de non ter tido ningunha morte debido a unha enfermidade por causa laboral en 2000, en 2001, en 2002, en 2003 e en 2004. E en 2005, por primeira vez, tres persoas -segundo as cifras oficiais achegadas por tales mutuas- morreron por enfermidades laborais. Este número non variou dende entón. No ano 2009 continuaban sendo tres. Ningún outro país da OCDE se encontra ante esta situación de subrexistro tan importante de mortalidade debido a enfermidades laborais. É unha situación que pode e debe definirse como escandalosa.
 
En realidade, é moi doado calcular o número de mortes que España ten como consecuencia de enfermidades adquiridas no lugar de traballo. Estes datos poden obterse extrapolando a experiencia noutros países con poboacións laborais parecidas que teñan condicións de traballo semellantes ás existentes no noso país. Segundo o Grupo de Investigación de Saúde Laboral da Universidade Pompeu Fabra, en España mórrense ao redor de 14.000 homes e máis de 2.000 mulleres por enfermidades contraídas no lugar de traballo. Cada ano hai 9.400 mortos de cancro, 3.600 mortos de enfermidades cardiovasculares e 1.700 mortos de enfermidades respiratorias causadas no lugar de traballo. E ningunha (repito, ningunha) delas aparece no rexistro oficial de mortes de causa laboral de tales mutuas, que son as que subministran este tipo de datos.
 
Isto quere dicir que as mutuas non pagan as compensacións debidas aos familiares dos falecidos, conseguindo un aforro e uns beneficios claramente exuberantes. Aínda cando se definen como entidades sen afán de lucro, os ingresos entre os dirixentes e xestores destas mutuas, así como os pagamentos por axudas complementarias, están entre os máis altos no mutualismo español.
 
Un tanto semellante acontece coas enfermidades laborais, que apenas se rexistran en tales mutuas. Só se rexistran 30.000 casos anuais, a inmensa maioría deles leves e sen baixa. As cifras reais, non obstante, son moito máis grandes: preto de dous millóns de persoas padecen enfermidades laborais (un 9% dos traballadores e un 13% das traballadoras). De novo, o aforro das mutuas, baseado neste subrexistro, é enorme. A súa taxa de beneficios depende deste subrexistro e a iso dedican unha gran cantidade de recursos: avogados, "expertos" laborais e outros que constantemente e diariamente testifican nos tribunais negando a causa laboral das enfermidades e das mortes. Lamentablemente, non houbo ningunha canle de televisión público ou privado que fixese unha reportaxe crítica dunha das prácticas máis escandalosas existentes no noso país.
 
Esta situación non é só inxusta para os mortos e os seus familiares, así como para os pacientes de tales enfermidades, senón tamén para a cidadanía en xeral, pois é esta a que paga os impostos que financian -a través do sistema público sanitario- os coidados médicos de tales enfermidades, cando en realidade debesen ser pagados por tales mutuas. Unha cifra que pode dar unha idea diso é que o 18% dos enfermos hospitalarios (estimación moi conservadora do Observatorio Social de España) teñen enfermidades laborais. O custo para o servizo público sanitario de atender a estes e outros enfermos por causas laborais representa un 14% de todo o gasto sanitario (cifra que, de novo, é moi conservadora, pois é máis que probable que alcance o 20%). Se se corrixise esta situación e as mutuas patronais pagasen esta cantidade ao sistema público sanitario, o Estado e o Goberno da Generalitat poderían ter aforrado os recortes do 10%.
 
Acontecerá? Non é probable. Por que? Pola mesma razón que o Estado non ingresa os 76.000 millóns de euros ao ano debido á fraude fiscal. A resposta a ambas as dúas preguntas é a enorme influencia que os grandes poderes fácticos -entre os cales destacan a banca, as compañías de seguros e as mutuas patronais, así como o mundo das grandes empresas- teñen sobre o Estado (sexa este central ou autonómico). Así de claro.
 
Vicenç Navarro é catedrático de Políticas Públicas da Universidade Pompeu Fabra e excatedrático de Economía Aplicada da Universidade de Barcelona

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript