agosto de 2011
 
 

01/08/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O FMI reclama unha nova rebaixa dos soldos na Administración Pública, o goberno non tardará en aplicala

Todo sexa polos mercados. O FMI receita unha nova rebaixa nos salarios dos traballadores e traballadoras da Administración Pública, un novo incremento do IVE e que os salarios se axusten á “realidade” económica das empresas.
 
Establece que as necesidades anuais de financiamento do estado continuarán sendo "substanciais" durante os próximos anos, polo que é especialmente importante conservar a confianza dos mercados, que, en realidade son os que nos gobernan.

 

  • Noticias relacionadas

  • Os poderes económicos, na súa batalla por manter o sistema, non dubidan e aplicar as medidas máis radicais contra a cidadanía e a clase traballadora. As medidas deseñadas desde os espazos onde se decide verdadeiramente a política que logo se aplicará en estados como o noso teñen claro esa finalidade: na diatriba entre políticas sociais e que vaian a favor das clases máis desfavorecidas e da xeneralidade da poboación e o mantementos dos privilexios do capital a decisión está tomada.
     
    Así, segundo este verdadeiro goberno o estado español necesitará medidas adicionais de consolidación fiscal para cumprir cos obxectivos de redución de déficit comprometidos polo Goberno, que, en opinión do Fondo Monetario Internacional (FMI), baséanse en proxeccións macroeconómicas "relativamente optimistas" e atópanse ameazados polo risco de incumprimentos por parte dalgunhas comunidades autónomas.
     
    "Cumprir os obxectivos será complicado", advirte a institución internacional nas conclusións do seu 'Artigo IV' sobre “España”, onde sinala que, a pesar de que a senda para alcanzar o obxectivo de déficit é a "apropiada", os axustes previstos baséanse en "proxeccións macroeconómicas relativamente optimistas e en que os gobernos rexionais cumpran os seus obxectivos de déficit".
     
    De feito, a axencia apunta que os datos preliminares suxiren que as comunidades autónomas poderían incumprir os seus obxectivos nunha magnitude similar á de 2010.
     
    Así mesmo, o informe indica que algunhas das medidas para conter o gasto a medio prazo non foron totalmente identificadas e subliña que "implementar os recortes do gasto previstos require unha decisiva ruptura co pasado".
     
    Doutra banda, a institución dirixida por Christine Lagarde espera que as necesidades anuais de financiamento de España continuarán sendo "substanciais" durante os próximos anos, polo que é especialmente importante conservar a confianza dos mercados.
     
    "Deste xeito, poden ser necesarias medidas adicionais", recomenda a entidade, que contempla unha redución do déficit até o 6,2% do PIB este ano, para baixar ao 5,1% en 2012 e ao 4,3% en 2013, fronte ao 6%, 4,4% e 3% previsto polo Goberno respectivamente para 2011, 2012 e 2013.
     
    "Tomando en consideración os riscos derivados da perspectiva dun crecemento potencialmente máis baixo e a necesidade de acumular 'colchóns' para amortecer a parte das rexións potencialmente atrasadas, serían necesarias medidas adicionais equivalentes a un 2% do PIB, en termos acumulados até 2014, para cumprir os obxectivos.
     
    Neste sentido, os expertos do FMI sinalan que, pese ao compromiso do Goberno para adoptar as medidas necesarias para cumprir os obxectivos (marcados polo propio FMI, BCE, Merkel e compañía…), a credibilidade e calidade da política fiscal "aínda pode mellorarse" mediante proxeccións macroeconómicas "máis prudentes" e explicando medidas específicas dirixidas a garantir o cumprimento dos obxectivos.
     
    Neste sentido, o FMI suxire que existe unha considerábel marxe para a asunción de medidas adicionais reducindo máis o gasto corrente, onde lembra que o gasto salarial aínda é superior ao da media da eurozona polas subidas do soldo dos funcionarios no pasado. Así mesmo, a institución suxire recortar os investimentos e/ou elevar o "aínda relativamente baixo nivel do IVE", especialmente sobre os derivados do petróleo.
     
    Xa o advertimos noutras ocasións, o estado, descapitalizado despois da inxente cantidade de diñeiro investido coas políticas de inxección de capital aos bancos, caixas de aforro (inxeccións que permitiron a 30 bancos privados pasar as probas de liquidez)…, políticas de apoio ao despedimento de traballadores/as máis barato para o empresario pero pagando el (o propio estado) unha gran parte das indemnizacións, ERE’s etc.etc.etc. Nesta situación coa lóxica de manterse dentro da esfera dos paises máis radicalmente capitalistas recorre ao desmantelamento da administración pública, rebaixa salarios e xeneraliza incrementos dos impostos máis antisociais como o IVE.
     
    Ningunha medida irá encamiñada en afondar nunha fiscalidade máis democrática e social onde os que máis teñen coticen máis, onde as rendas do capital e das empresas sexan incrementadas, onde se persiga a fraude e a evasión de capitais (aí está o caso Botín coa evasión detectada en Suíza e denunciada no seu momento)…
     
    Se non actuamos seguirán impoñendo as medidas que desde o comezo da crise decidiron. Nas nosas mans está rebelarnos e non transixir ou ir coma cordeiros ao matadoiro.
     
    FAI FALTA XA OUTRA FOLGA XERAL!

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript