26/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
"Este Goberno púxose do lado dos poderosos, ou sexa, da SGAE"
Os directores de fotografía reclaman unha autoría que lles negan o Ministerio de Cultura e a SGAE
.
"Teño 72 anos e son fotógrafo de películas".
Así se presentou esta mañá José Luis Alcaine, o
prestixioso director de fotografía que asinou
algunhas das máis importantes películas do cine
español, entre elas a última de Pedro Almodóvar, La
pel que habito, e recente medalla de ouro da
Academia de Cine. "Por ningunha das miñas 127
películas cobrei dereitos de autor. Non me queixo,
xa me afixen a iso. Non estou aquí a reclamar un
pedacito da torta, senón que se recoñeza a miña
condición de creador, de creador de imaxes e de
luz," asegurou Alcaine, que engadiu: Sorpréndeme
que este Goberno se puxese do lado dos poderosos,
ou sexa da SGAE, en vez de protexer os débiles. O
director de fotografía recoñeceu que a súa sorpresa
viña porque se trata dun Goberno que contou con
"acertos en cuestións morais, como a saída da
guerra de Iraq e o recoñecemento aos homosexuais,".
Sen imaxes en movemento non hai cine. Tampouco sen
luz. E por que entón aos directores de fotografía
non se lles recoñece a autoría nas películas? Iso é
o que se preguntan dende hai anos estes operadores
da luz e que agora, fartos e cansos, están
decididos a chegar aos tribunais para que dunha vez
por todas se lles considere como creadores.
Reivindicación que chocou contra o muro da SGAE
(Sociedade Xeral de Autores e Editores) e o
Ministerio de Cultura, segundo denunciaron esta
mañá nun encontro coa prensa, celebrado na sede de
AISGE (Asociación Española de Autores de Obras
Fotográficas Cinematográficas), a única entidade de
xestión que integrou a este colectivo, tras a
negativa da SGAE e DAMA.
AISGE aprobou en decembro pasado un cambio nos seus
estatutos para poder acoller os directores de
fotografía e deste xeito defender os seus dereitos
de autor que, segundo eles, os recoñece a Lei de
Propiedade Intelectual. O problema veu polo
rexeitamento de Cultura a aprobar ese cambio de
estatutos en AISGE, negando así a condición de
autores dos directores de fotografía. Segundo
denunciaron onte responsables da entidade de
xestión, a ministra Ángeles González-Sinde negouse
a recibilos a pesar de solicitalo ata en tres
ocasións por escrito e máis dunha ducia de veces
telefonicamente.
Sectarismo
Os responsables de AISGE acusaron a ministra de
Cultura de sectarismo e de pregarse aos ditados da
SGAE, da "que" é "socia", escudándose nunha
interpretación "errónea" da Lei de Propiedade
Intelectual para negarlles os dereitos. Unha lei,
denunciaron, que se fixo como un traxe á medida
para a SGAE. "A actuación de Cultura responde a
unha consigna que non ten soporte xurídico nin
político", asegurou Abel Martín, director xeral da
entidade. "As reivindicacións deste colectivo son
lóxicas, xustas e inapelables," engadiu Fernando
Marín, vicepresidente de AISGE. "O que non queren
dende a SGAE é repartir a torta dos dereitos",
explicou Porfirio Enríquez, presidente de AEC, o
órgano que reúne aos directores de fotografía.
Segundo a lei de Propiedade Intelectual, os
creadores dun proxecto audiovisual son o director,
o guionista e o músico. Algo que contrasta coa lei
de Cine de 2007, que si incluíu os directores de
fotografía na categoría de creadores e coas
lexislacións de 23 países da Unión Europea que
teñen recollido o dereito de autor deste colectivo.
"A condición de creador e autor do director de
fotografía está avalada polo dereito comparado, a
doutrina xurídica, a realidade fáctica e as
prácticas contractuais do sector. É todo un
atropelo", resumiu Martín.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript