26/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Camiñando por unha saída social da crise
Manifesto lido trala manifestación do día 23
Compañeiros e compañeiras, amigos e amigas
Esta manifestación quere saudar a todas aquelas
persoas que, xa hai máis dun mes, decidiron marchar
á capital do Estado como expresión da indignación
dunha sociedade fronte ás consecuencias da crise do
sistema actual, do capitalismo. Desde aquí vaia a
nosa solidariedade e apoio.
Neste sentido queremos render homenaxe a todos os
homes e mulleres que nas diferentes prazas do mundo
árabe, desde a Tahir/Liberación de O Cairo, ate
Bahrein ou Siria, e aos gregos e gregas que desde a
praza Sintagma están loitando por evitar o saqueo
das súas sociedades. As súas imaxes e influxo
serviron de inspiración para o noso movemento.
Mais, con esta manifestación queremos pór sobre a
mesa, nas axendas sociais e políticas, que existe
outra saída, unha solución social á crise.
Antes de que a crise estoupara, desde todos os
medios públicos e privados, desde os organismos
políticos e económicos, desde os gobernos e a Unión
Europea, dicían: se traballades moito e duro, tedes
o futuro asegurado; se consumides moito e vos
hipotecades, teredes todo aquilo co que soñades,
unha vivenda, un coche, viaxes e turismo.
Mentres, os beneficios de bancos e empresarios
engordaban as súas contas de resultados. Pero foi o
conto da leiteira, tanto foi o cántaro á fonte, que
rachou. E cando rachou, os gobernos, todos,
acudiron ao rescate dos mesmos que ao longo do
tempo engordaran os seus beneficios.
Ninguén sabe onde meteron o diñeiro gañado nos anos
anteriores, mais no 2008 os gobernos acudiron á
chamada dos bancos e grandes empresarios, e sacando
o diñeiro dos nosos petos, do que pagamos todos ao
estado cos nosos impostos, gastaron miles de
millóns para que non se afundiran.
Ao tempo, os empresarios que ollaban como esa banca
lles negaba o crédito, e os seus beneficios
baixaban dun xeito exponencial, comezaron a
despedir xerando a lacra do desemprego masivo, a
presentar EREs, a rebaixar os salarios e aumentar a
xornada laboral, a esixir a rebaixa nas súas
obrigas sociais respecto á Seguridade Social ou coa
facenda pública.
Deste xeito a débeda pública e privada, o déficit
dos estados, disparáronse. Mentras os ricos, a
través da súas contas no estranxeiro ou das SICAV e
fórmulas semellantes, non pagaban impostos (o
Imposto sobre o Patrimonio, por exemplo), os
traballadores e traballadoras, os pequenos
comerciantes, os pensionistas e xubilados ollaban
como si subían os seus impostos, o IVE sobre todo.
Chegados neste punto, só podemos afirmar unha
cousa: menten os gobernos e os políticos
institucionais, a débeda e o déficit co que ameazan
para impor os seus plans de austeridade e
privatizacións están xerados polos rescates a
bancos e grandes empresarios, non por especuladores
anónimos, os chamados “mercados!”
Por iso podemos ser claros: si existe outra saída á
crise, a que parta das necesidades sociais, que son
moitas, do mantemento das condicións laborais e da
resolución do desemprego.
O rescate co que ameazan, como fan con Grecia, é o
conto do “coco” dos gobernos, da Xunta e a Unión
Europea para impor os seus plans de saqueo e de
privatizacións, para quedarse con todos os servizos
públicos desde a saúde ata a educación. Si hai unha
alternativa ao “rescate” ou o “afundimento”: o non
pago da débeda como fixeron os islandeses. Para
defender os nosos servizos temos que deixar de
pagar aos bancos e empresarios as axudas.
E solucións si existen, moitas delas (non todas)
están recollidas nos 8+5 puntos de partida,
aprobados na asemblea da Coruña do 22 de maio, e en
proceso de ratificación nas asembleas populares de
Vilas e Barrios.
Convidamos a toda a cidadanía a sumarse ao
Movemento 15 de Maio, organizarse nas asembleas
populares, a estendelas aos Barrios e Vilas alí
onde non existan, a levalo a centros de estudo e de
traballo, e desde a democracia participativa,
comecemos a construír a “saída social á crise”.
23 de xullo de 2011
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript