xullo de 2011
 
 

26/07/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O plan de sustentabilidade transfórmase en decálogo

Consumouse o gran pacto polo que, por 4.700.000€, a Universidade da Coruña vende a pouca autonomía que lle quedaba.
 
Aínda que o decálogo non deixa de ser un catálogo de boas prácticas desde a Universidade non se deixa de insistir en que condiciona a política de persoal (só do PAS, a do PDI evoluciona segundo as “necesidades”.

 

 

 

Educación e universidades pactan subir taxas e reducir departamentos para aforrar 10 millóns
 
O grupo de traballo, no que tamén están altos cargos de Facenda, aposta por "racionalizar" persoal e alumnado, ademais do gasto corrente e ter unha visión "sistémica" para equipos científicos e xestión de bibliotecas.
 
O decálogo
 
Así o decálogo queda do seguinte xeito:
1. Medidas de racionalización de persoal e alumnado (horizonte 2015).
2. Racionalización do gasto corrente.
3. Inventario de equipamento científico para uso compartido mediante comisión interuniversitaria (cantidade e utilidade).
4. Desconcentración departamentos (tendencia á fusión departamentos en campus centrais establecendo un tamaño mínimo por departamento -redución complementos e cargos-; e, ao mesmo tempo, creación de departamentos en campus periféricos –aforros en tempo, dietas, quilometraxe, mellora na xestión).
5. Concentrar os asuntos de xestión compartida dentro do SUG nun único ente.
6. Financiamento dos centros mediante contratos-programa.
7. Aumento ingresos propios (prezos públicos, títulos propios, formación continua, aumento retención “overheads”).
8. Implantación da administración electrónica.
9. Redución custos comunicación (nivel local e nacional) mediante emprego de skype ou similares.
10.Bibliotecas (potenciación dos formatos dixitais, visión sistémica adquisición libros, condicións adquisición e explotación bases de datos).
 
Coas liñas estratéxicas xa sobre a mesa dende principios de ano, a aposta por repartir os fondos en función de méritos a xeito de incentivo á competitividade entre elas, o plan que marcará a ruta do financiamento ás universidades galegas ata 2015 avanza tamén nos detalles. A intención inicial era pechar un acordo este mesmo mes de xullo. De momento, o que si está pactado é un conxunto de medidas destinadas a conter o peto. Un decálogo elaborado polo grupo de traballo impulsado para esa finalidade ao abeiro das negociacións entre ambas as dúas partes e no que se integran tanto a Xunta coma as tres institucións. Dende a racionalización do gasto corrente, a partidas ligadas á actividade, como as dietas, pasando por unha aposta clara polo aumento de ingresos con taxas máis caras e a redución de departamentos, ademais de, precisamente, o xiro nas transferencias segundo o esforzo e que se materializa nos contratos programa. O obxectivo é agarrar uns 10 millóns de euros ao ano. E todos están de acordo, segundo a Consellería de Educación.
 
O propio departamento que dirixe Jesús Vázquez fai fincapé en que "só dúas" das dez ideas "se refiren especificamente ao tema de aforros no gasto". Cales? Por un lado, a racionalización en xeral do gasto corrente, do que sae o mantemento dos centros. No caso de Vigo, a partida representa o 14,6% de todo o custo previsto para este exercicio, case 168 millóns de euros. Ata un 11,4% dos 228,8 millóns de euros nas contas de Santiago e un 13,8% do presuposto na Coruña, de 129,6 millóns. Dentro do capítulo global, o decálogo apunta á redución en comunicacións "a nivel local e nacional" e propón, mesmo, o uso do programa Skype -que permite chamadas gratuítas a través de internet- ou similares".
 
O resto de medidas, segundo avanzou onte Educación nun comunicado, están orientadas a "compartir recursos, simplificar estruturas organizativas e o aumento de ingresos". Por esta última vía, o grupo de traballo do aforro sinala abertamente aos prezos públicos e títulos propios, ademais da formación continua e o incremento na retención ou overheads, a taxa que se aplica aos custos indirectos e que está ligada, sobre todo, á investigación. Cada vez que se abre o debate sobre a alza de matrícula, como aconteceu este curso e o pasado ante o impacto da crise na caixa das administracións, os responsables universitarios advirten que a repercusión dun encarecemento apenas se notaría nos ingresos. O seu peso, efectivamente, é moi relativo. Apenas un 9,2% do presuposto actual en Vigo, o 18,1% en Santiago de Compostela e o 11,7% na Coruña.
 
A "racionalización" aplícase tamén no decálogo a "persoal e alumnado" de aquí a 2015, o horizonte co que se contempla o plan galego de financiamento universitario. Ao igual que se manexou para os títulos, os representantes do grupo -o director xeral e subdirector de Orzamentos de la Consellería de Facenda, o secretario xeral de Universidades e a subdirectora, xunto cos tres vicereitores de Economía- falan dun "tamaño mínimo" por departamento e fomentar a "tendencia á fusión", cunha redución de complementos e cargos. En paralelo, o documento fala de crear departamentos "en campus periféricos" para aforrar "tempo, dietas e quilometraxe", ademais de mellorar a xestión.
 
Equipamentos
 
Por esas mesmas razóns, o decálogo avoga por concentrar "asuntos de xestión compartida" dentro do sistema universitario "nun único ente", a realización dun inventario de equipamento científico para que poida compartirse e unha "visión sistémica", é dicir, común, das bibliotecas para conseguir mellores condicións en compras e a explotación da base de datos.
 
As dez opcións son o resultado, segundo Educación, dun borrador inicial con 23, que achegaron todos os membros do grupo e que se someteron "a valoración e votación" entre todos. A decisión levouse á Comisión de Seguimento do Plan de Financiamento o pasado 23 de xuño e contou co respaldo "consensuado e favorable" dos seus integrantes. Son "medidas voluntarias" que cada equipo reitoral "adaptará" en función das súas necesidades e prioridades. Cada ano someteranse a revisión para medir o efecto conseguido.

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript