xullo de 2011
 
 

26/07/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Convocatorias. As correccións deben ser áxiles e coherentes

As presas coas que se publican algunhas convocatorias (non é a tónica xeral) que obrigan a correccións posteriores fan que, nalgúns casos, se dane gravemente a imaxe da Universidade. A falta de reacción pode agravar esta circunstancia posibilitando as denuncias o que pode provocar, ao noso entender, un retraso posterior innecesario ou incluso a súa anulación e, para os que participan nelas, a incerteza correspondente.

 

 

 

Así na prensa pódese ler (diario O Xornal)

A UDC muda as bases dunha oposición sen abrir un novo prazo

A Universidade da Coruña convocou o pasado 4 de abril unha proba de acceso a un posto de traballo coma técnico de grao medio en relacións internacionais. A oposición, que foi publicada no DOG do 27 de abril de 2011 e no BOE do 20 de abril de 2011, constaba dun temario de 30 puntos coma proba que debían superar os aspirantes.

A listaxe provisional de admitidos foi publicada pola UDC o pasado día 25 de maio a través da propia reitoría e coa sinatura do máximo mandatario da institución, algo que pode ser consultado na propia páxina web da universidade.

Non en tanto, o pasado 20 de xuño a institución universitaria publicou unha resolución no seu portal electrónico, que foi recollida no DOG do 6 de xullo de 2011, para advertir dunha corrección de erros na convocatoria inicial.

A devandita corrección consiste nun cambio total dos 30 puntos do temario e na introdución do inglés e dunha segunda lingua europea nun suposto práctico que, antes da corrección, só tiña que facerse en castelán ou galego.

Dende o comité de empresa da Universidade da Coruña explicaron a Xornal que a correción se fixo a petición dos membros do propio comité, pois o temario que se marcaba para acceder ao posto de técnico de grao medio en relacións internacionais estaba obsoleto dende algúns anos.

Non en tanto os sindicatos advirten que, calquera cambio nas bases da convocatoria que afecten ás probas de acceso a un posto de traballo na universidade ten que ir acompañado da apertura dun novo prazo de inscrición, máis aínda si se trata dunha muda total do temario e da introdución de probas como unha lingua estranxeira.

Na propia corrección de erros da universidade figura unha advertencia que explica que “esta corrección non presupón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes”, algo que as fontes sindicais consultadas por Xornal ven como “unha posible ilegalidade e un agravio para os aspirantes”. J.M.A.

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript