26/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Día da Patria Galega - CAUSA-GALIZA
Milleiros de persoas uníronse á manifestación desta plataforma que, segundo explicou o seu portavoz, Aurelio Lopes, quere "situar ao pobo galego como único suxeito de soberanía", desvinculándose da "familia autonomista" do BNG, á que consideran "ancorada en vellas e fracasadas receitas" --en alusión ao modelo do Estatuto
.
A plataforma soberanista destacou que é unha
"vitoria política" poder levar a cabo a romaría que
por quinto ano consecutivo organizaron para este
día, despois de que o Concello de Santiago lles
prohibise celebrala no parque Fermín Bouza Brey,
por "cuestións de seguridade", e se visen obrigados
a trasladala ao barrio santiagués de Vite, máis
afastado do centro da cidade.
A este respecto, Aurelio Lopes considera que esta
actuación pon de manifesto "a actitude fascista de
Conde Roa --o alcalde compostelán, Gerardo Conde
Roa--" e o seu "antinacionalismo", ao "negar" os
seus dereitos políticos "mentres que as
manifestacións fascistas teñen a súa autorización".
Como remate á forte campaña desenvolvida no último
mes co lema “Por un novo ciclo no nacionalismo
galego, adiante o autodeterminismo”, contra as
13:00 horas de hoxe deu saída da Alameda de
Compostela a manifestación da Causa Galiza, que
levou por quinto ano consecutivo a reivindicación
soberanista ás rúas de Compostela. A marcha,
encabezada por unha faixa co lema “Soberanía
Nacional” portada por membros da portavocía e
militantes da iniciativa, percorreu sen incidentes
varias rúas da capital galega.
Ás 14:30, a manifestación rematou, como xa é
tradicional, nunha ateigada Praza do Toural, onde
os escritores Séchu Sende e Andrea Nunes actuaron
de condutor dun acto político que deu comezo coa
actuación de O Leo e Vero, do grupo Galegos no
tempo dos Sputniks, e Bouba Pandereteiras cunha
versión de “Venceremos nós” realizada especialmente
para a ocasión. A continuación, Tino Lago deu
lectura ao manifesto da marcha, no que se destacou
que “a falta de soberanía está no cerne dos
problemas sociais e económicos que asolagan ao Pobo
Traballador Galego”. Para finalizar, a sindicalista
Laura Bugalho lanzou unha arenga que denunciou que
“somos todas e todos inmigrantes neste sistema
colonizador español, somos inmigrantes no
capitalismo, somos inmigrantes no
heteropatriarcado”.
A organización manifestou que malia os atrancos do
Concello de Compostela, un bo número de persoas
apoiaron coa súa presenza a aposta soberanista de
Causa Galiza, demostrando así a forza crecente da
defensa do dereito da cidadanía alega a decidir o
seu propio futuro, unha reclamación irrenunciábel
do noso pobo que entronca coas necesidades
económicas, culturais, lingüísticas e sociais do
país. O manifesto lido na Praza do Toural que “a
soberanía real abarca moito máis do que a
consecución dun Estado propio”, polo que a aposta
de Causa Galiza polo dereito de autodeterminación
significa tamén a loita polo “eixe vertebrador para
calquera transformación de fondo, para calquera
cambio nas estruturas políticas e económicas que
redunde na mellora das condicións de existencia
dunha maioría social”. Neste sentido, chamouse ao
conxunto do pobo galego a “tomar nas nosas mans o
noso propio destino” para construir “unha Galiza
ceibe e verdadeiramente popular”.
Ao remate da manifestación, a iniciativa realizou,
a pesar da tentativa de prohibición, a tradicional
romaría popular, trasladada nesta ocasión ao Burgo
das Nacións, que contou ao longo da tarde con dúas
sesións de discusión sobre política municipal, a
primeira con representantes de candidaturas
soberanistas galegas, e a segunda coa presenza das
Candidatures d'Unitat Popular (CUP) e da Esquerda
Abertzale. Houbo outras actividades ao longo da
tarde como a presentación dos libros 'Um dia na
minha vida' de Bobby Sands ou 'A revolución dos
camaleóns', do comunista cubano Eddy E. Jiménez, e
actividades deportivas.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript