26/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
A perigosa mentalidade de
Rosell e o empresariado español
Na última intervención nos medios de Rosell, presidente dos
empresarios, tras afirmar que a xente se "apunta ao paro
porque si, para non facer nada", e que os empregados
públicos son "prepotentes e incumpridores", afirmou ademais
que os postos de traballo os crean os empresarios. Só quero
contestalo que se isto último é certo, entón tamén é obvio
que, con máis de catro millóns de parados, os empresarios o
están a facer moi mal, terriblemente mal. Se as penosas
declaracións de Rosell representan a mentalidade do
empresariado español, temos un serio problema.
Ante o caso saharahui, de
quen é o peixe?
O 13 deste mes o ministro
polaco de Agricultura e Pesca, cuxo país exerce
a presidencia correspondente da UE e o seu
homólogo marroquí, Aziz Akhenouch, asinaron a
prórroga por un ano do actual acordo de pesca
que finalizou o pasado 27 de febreiro. Mediante
este e o aboamento de 36,1 millóns de euros por
parte da UE a Marrocos, 119 barcos europeos,
dos cales 100 son españois, poderán continuar
pescando en "augas marroquís". Ata aquí todo
perfecto se realmente fose así. Pero non o é,
porque dentro do que se denomina "augas
marroquís" se encontran as correspondentes ao
Sahara Occidental, que de marroquís non teñen
nada. Inténtase que o esquezamos, pero este
territorio está ocupado ilegalmente por
Marrocos dende 1975, ano en que foi abandonado
por España e da que aínda non perdeu legalmente
a súa condición de "potencia administrada".La
Unión Europea, alertada polos seus servizos
xurídicos da dúbida de que o diñeiro aboado
repercutise nos auténticos donos dese recurso
natural, a poboación do Sahara, optou pola
prórroga en lugar dunha firma a longo prazo.
Esta dúbida provocou a inclusión dunha nova
disposición que esixe ás autoridades marroquís
informar do uso dos fondos europeos, e en
particular do impacto socioeconómico e a
distribución xeográfica do financiamento
comunitario. O acordo é ilegal, pois dá por
feito que Marrocos pode explotar recursos que
non lle corresponden, pero polo menos co
engadido exposto se ten en consideración á
poboación autóctona e lexítima dona do seu
territorio. Xa se vai dando unha resposta á
pregunta: de quen é o peixe? O que ademais nos
anima a manter a confianza en que ao final a
legalidade internacional rematará impoñéndose.
Abonda xa de abusos contra a
cidadanía
Berro estas palabras para ver se alguén de
arriba me oe: abonda xa! Subvenciónase a
entidades bancarias para o seu saneamento e
logo son estas mesmas as que estrullan os seus
clientes e os enganan con cláusulas de letra
pequena, entre outras lindeces. Lexíslase para
os ricos. Estanse a rebaixar todos os dereitos
adquiridos polos traballadores, chegando a un
punto en que estamos a retroceder ao século
XVII, cando se traballaban 14 horas de luns a
domingo, sen vacacións e sen dereitos. Cando se
lexislará para a xente de abaixo, para a xente
da pé? O español da pé levántase, vai traballar
as súas horas e procura cumprir o seu traballo
o mellor que pode. Moitos non se queixaron
cando algúns políticos insinuaron que era
necesario traballar máis, cobrar menos, viaxar
en metro... Un cidadán da pé non ten escoltas,
non ten viaxes en primeira clase, non carga as
vacacións familiares ás arcas do Estado. Cando
os políticos cumpran cos seus deberes como
cidadáns estaremos á mesma altura e talvez
entón se poderán dedicar a aconsellarnos sobre
o que debemos facer, pero mentres, só me queda
dicir berrando: abonda xa, señores políticos!
Somalia: o mundo real que non
queremos ver
Mentres Occidente se mantén
expectante ante as axencias calificadoras, no
mundo real 12 millóns de persoas libran unha
dura batalla pola súa supervivencia nun éxodo
titánico por alcanzar os campamentos de
refuxiados en Etiopía e Kenya, xa superadas e
colapsadas por esta avalancha humana. A peor
seca dos últimos anos foi a guinda para esta
fuxida, pero non a única causa deste pobo
castigado dende hai décadas por unha guerra
civil que xerou grandes riquezas á industria
das armas e aos seus gobernos, así como o
espolio dos seus recursos mariños que hoxe
serven de bocado nas mesas europeas e que, como
en tempos coloniais, debemos protexer coa
armada. Este é o mundo hipócrita que
construímos, no que día a día aumenta o número
de pobres en favor duns poucos grazas ao
sometemento imposto polos señores do diñeiro
(FMI, Banco Mundial, BCE...) e do cal hai que
empezar a espertar.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript