xullo de 2011
 
 

26/07/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Expertos europeos comproban “a deriva” do galego co PP na Xunta

A RAG e Queremos Galego advírtenlles do “retroceso” da lingua e do “incumprimento” da Carta que o Goberno presume de aplicar .

 

  • Noticias relacionadas

 

O Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (Celrm) comprobou onte “a deriva que sofre a lingua galega” nos últimos anos. Fíxoo na xuntanza que mantivo con representantes da plataforma Queremos Galego, d’A Mesa pola Normalización Lingüística, Prolingua, Nova Escola Galega, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, representantes de xuíces ou a propia Real Academia Galega (RAG), entre outros.
 
“Fixémoslles saber a deriva que sofre a situación do galego desde 2004 e os retrocesos que varias medidas supuxeron para o idioma”, explica Manuel González, tesoureiro e representante da RAG, que coincidiu coa maioría de colectivos en sinalar o teórico “descoñecemento dos expertos da situación real da lingua no país”.
 
Porque mentres o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asegurábanlle ao comité nunha reunión posterior “o cumprimento da CELRM” e presumían “das iniciativas do actual Goberno para a protección e normalización da lingua”, os tres expertos ficaban “sorprendidos” ante a situación lingüística en Galicia.
 
Para Manuel González, a impresión era que o comité “non tiña moita información do que acontecía no país”, ao igual que para Carlos Callón, presidente d’A Mesa e voceiro de Queremos Galego, que destaca a “sorpresa” dos expertos ante a documentación que achegou para argumentar o “incumprimento” por parte da Xunta da CELRM.
 
A sorpresa, segundo os consultados, era obvia logo de que comprobasen que todos aqueles elementos que o comité destacou como positivos no seu último informe –as galescolas, os programas de inmersión ou o decreto de 2007– “xa non existían”. “Decatáronse de que os aspectos que consideraban óptimos hai uns anos foron eliminados, polo que terían que refacelo todo”, aclara o representante da RAG.
 
Luís Villares, ex coordinador de Xuíces pola Democracia en Galicia e que acudiu para avaliar a situación da lingua na Xustiza, insiste tamén na “sorpresa” do comité ao comprobar “que se incumprían varios artigos neste ámbito”. “Eles mesmos advertíronme do incumprimento dalgún punto máis da Carta dos que eu lles explicaba”, destaca.
 
Villares refírese á “imposibilidade de levar un procedemento xudicial completo en galego, á tradución ao castelán das declaracións xudiciais feitas no noso idioma ou á inexistencia de textos legais na lingua propia”. “Comprobaron a vulneración flagrante dos nosos dereitos lingüísticos”, remata.
 
O decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, participou tamén na xuntanza, na que transmitiu “a súa inquedanza sobre o futuro dos medios en galego”, así como “a falta de actuación por parte da administración autonómica para que poñan de manifesto o seu compromiso claro e efectivo co idioma propio de Galicia”.
 
Segundo a Xunta, a reunión de onte en Madrid pretende recolleitar información para analizar a política lingüística “aplicada polo bipartito entre 2006 e 2008”, aínda que Carlos Callón destaca que o comité lles aclarou que a análise “incluía tamén 2009 (ano da chegada de Feijóo á Xunta)” e que non se limitaba só ao pasado, “senón tamén ao cumprimento da Carta Europea na actualidade”.
 
Cos datos que facilite a Xunta e todos os colectivos convocados, os expertos elaborarán un informe que xa foi crítico co bipartito e que se completará con documentos achegados polo Estado. A finais de 2008, o documento do Consello de Europa louvaba as galescolas, os programas de inmersión en galego ou o decreto do ensino do goberno de coalición, aínda que os consideraba “insuficientes”.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript