18/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os activistas de Rumbo a Gaza abandonan a folga de fame preparan o regreso
Os activistas de Rumbo a Gaza, entre os que había dous galegos, abandonaron a folga de fame que mantiñan na Embaixada en Atenas e aceptaron desistir de intentar chegar ata a Franxa en barco, polo que emprenderán regreso ao estado no buque 'Gernika' que compraron para a misión.
En conversación telefónica desde a illa de
Creta, o activista Manuel Tapial rexeitou falar de
fracaso e subliñou que, aínda que non consigan
romper o bloqueo naval de Israel sobre Gaza,
crebaron o "bloqueo mediático", porque durante 14
meses chamaron a atención sobre a situación que
sofre o pobo palestino.
"Puxemos en evidencia como Israel estendeu as súas
fronteiras a Europa, onde se puido bloquear os
barcos da II Segunda Flotilla da Liberdade por
razóns políticas", denunciou.
Baixo o seu punto de vista, todo o ocorrido en
Grecia durante estes días "desenmascarou as
complicidades" dos diferentes actores
internacionais coas políticas ilegais de Israel,
"desde o Cuarteto --Estados Unidos, Nacións Unidas,
Rusia e Unión Europea-- ata o Goberno do estado".
As autoridades portuarias gregas efectuaron este
mércores dúas inspeccións ó 'Gernika' e informaron
ós seus propietarios de que pode navegar, o que
levou a Rumbo a Gaza a decidir o abandono da folga
de fame que varios dos seus activistas mantiñan
desde a semana pasada, segundo o relato de Tapial.
Tapial recoñeceu que os activistas comprometéronse
"verbalmente" ante as autoridades gregas a navegar
cara ó oeste coa intención de regresar á Península
Ibérica, aínda que aínda non decidiron se atracarán
en Barcelona, Alacante ou Valencia.
O 'Gernika', cos activistas de Rumbo a Gaza a
bordo, abandonará o porto de Kolymvari, en Creta,
"previsiblemente" mañá, cando alcancen a illa
algúns compañeiros, precisou Tapial.
O activista mostrouse satisfeito cos resultados
conseguidos, sobre todo no plano mediático, e
avanzou que o 'Gernika', que se comprou e
acondicionou con 350.000 euros recadados de doazóns
particulares, destinarase a "usos sociais".
Os membros de Rumbo a Gaza porán en común diversas
ideas de aquí a setembro para buscar novas misións
ó 'Gernika'. Activistas doutras nacionalidades
participantes na II Flotilla da Liberdade a Gaza
tamén decidiron regresar ós seus países debido á
imposibilidade de alcanzar a Franxa.
Galicia Hoxe
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript