18/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Europa afúndese; pola tarde vou á piscina
"As augas revoltas dos mercados volverán á súa canle; faremos o que sexa necesario para garantir a estabilidade. " -Elena Salgado, vicepresidente económico
Segundo lin en toda a prensa estatal e
europea, o luns foi o peor día da historia do euro,
Europa cambaleouse, a unión monetaria entrou en
zona de grave perigo, foi un luns tenebroso,
asomámonos ao abismo, a un punto de non retorno,
vivimos unha situación de emerxencia económica e de
estado de excepción nos mercados, foi a xornada
máis aciaga dende a creación do euro, e podería
seguir copiando titulares durante varios
parágrafos: xornada negra, caída libre, caos...
Iso si, Europa afundíase pero eu pola tarde fun á
piscina, se me permiten a paráfrase da famosa
entrada do diario persoal de Kafka: "2 de agosto.
Alemaña declarou a guerra a Rusia. Pola tarde,
clase de natación. " Aquel día de 1914 desatábase a
guerra mundial, pero Kafka anotouno con frialdade
no seu diario, e seguiu a súa rutina nadadora,
equiparada en importancia ao conflito continental.
Si, é verdade que non é o primeiro luns negro, e xa
perdemos a conta das veces en que a economía
europea sufriu terremotos, pánico e ataques, e por
iso ninguén se botou pola ventá o luns, día ao que
se engadía a ameaza de suspensión de pagamentos de
Estados Unidos -que ao final quedará en nada, pero
xa son ganas de xogar con máis lume-.
Pero que levemos máis dun ano de susto en susto non
xustifica a tranquilidade con que seguimos indo a
nadar mentres a guerra económica vai a máis. Porque
aínda que non sexa tan visible como unha guerra con
mísiles e tropas, as súas consecuencias serán tamén
desvastadoras: no curto prazo (con reformas e
recortes que xa estamos a sufrir, e millóns de
cadáveres económicos), no medio prazo (pois a crise
vai para anos), e a longo prazo (nada volverá ser
como antes, e en canto ao risco dunha xeración
perdida, ata acabaremos celebrando que só sexa
unha).
Si, está o 15-M, pero tampouco é unha resposta
proporcional á gravidade do momento. Estámonos a
xogar moito, podemos perder moitas cousas, pero
parece que estamos a velas vir. Os primeiros, os
gobernantes europeos, que tamén van nadar polas
tardes.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript