18/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
As causas políticas da crise
No Estado español, as reducións do déficit do Estado sempre se conseguiron a base de diminuír o gasto público social en lugar das subas de impostos. E iso é consecuencia do enorme poder do que se chamaba antes burguesía, pequena burguesía e rendas superiores da clase media alta (que dominan a vida política e mediática do país).
Detrás da crise da débeda pública dos países
periféricos da eurozona (Grecia, Portugal, o Estado
español e Irlanda) está un feito político: todos
estes países foron gobernados por ditaduras e/ou
gobernos autoritarios de ultradereita na maioría do
período que vai desde os anos corenta deica os anos
oitenta do século pasado. Iso determinou que, a
pesar dos avances ocorridos desde aquela, tales
países teñan aínda hoxe estados pobres, con escasos
recursos (como o testemuña que os ingresos ao
Estado como porcentaxe do seu PIB estean moi por
baixo da media da Europa dos Quince, UE-15). En
2009, tal porcentaxe foi do 34% para o Estado
español, do 34% para Irlanda, do 37% para Grecia e
do 34% para Portugal, porcentaxes máis baixas que a
media da UE-15 -o 44%- e moito máis baixos que
Suecia (o país onde as esquerdas gobernaron por
máis tempo durante o período citado), cun 54%.
Pero, ademais de pobres, estes estados eran
altamente represivos, cunha escasa sensibilidade
social e moi pouco redistributivos. Son os países
que teñen o número de policías por 10.000
habitantes maior da UE-15 e a menor porcentaxe de
poboación adulta traballando no seu Estado do
benestar. No Estado español, só un adulto de cada
dez traballa en sanidade, educación, servizos de
axuda domiciliaria ás persoas con dependencia,
escolas de infancia, servizos sociais e outros
servizos públicos do escasamente financiado Estado
do benestar. En Suecia, un adulto de cada catro
traballa en tales servizos. O gasto público social
por habitante é no Estado español o máis baixo da
UE-15.
É certo que o enorme déficit de gasto público,
incluído o social, que o Estado español herdou da
ditadura, corrixiuse en parte durante os anos
oitenta e principios dos noventa até que chegou
1993, data na que se tomaron as medidas encamiñadas
a integrar o Estado español na eurozona. Entre
elas, a máis importante foi a de reducir o déficit
público do Estado (entón un 6% do PIB), o cal se
conseguiu mediante a redución do gasto público
(incluíndo o social), tal como está ocorrendo
agora.
No Estado español, as reducións do déficit do
Estado sempre se conseguiron a base de diminuír o
gasto público social en lugar das subas de
impostos. E iso é consecuencia do enorme poder do
que se chamaba antes burguesía, pequena burguesía e
rendas superiores da clase media alta (que dominan
a vida política e mediática do país). A súa
ideoloxía, que se promove nos medios de maior
difusión do país, é o neoliberalismo, que predica a
baixada de impostos e o aumento da regresividade
fiscal, así como a redución do gasto público
(incluído o social), como as medidas máis eficaces
para estimular o crecemento económico. Estas
políticas son responsábeis da enorme polarización
das rendas co consecuente empobrecemento e
endebedamento das clases populares (as rendas do
traballo como porcentaxe das rendas nacionais foron
descendendo) e unha obscena concentración das
rendas e da riqueza que se investiu nos sectores
que producían maiores beneficios, que eran as
actividades altamente especulativas do sector
inmobiliario, liderado pola banca.
Esta situación foi mesmo máis acentuada coas
baixadas de impostos nos últimos 15 anos que
beneficiaron primordialmente ás rendas superiores,
que depositaron os seus novos ingresos na banca, a
cal prestou ao Estado o diñeiro que necesitaba para
cubrir o déficit resultado da baixada de impostos.
Un círculo virtuoso para os superricos e os ricos.
Existe unha alianza das clases enriquecidas coa
banca, a cal se beneficia do endebedamento do
Estado. Esta alianza está detrás da crise da débeda
pública. Os ricos no Estado español, Grecia,
Portugal e Irlanda non pagan os impostos que pagan
os seus homólogos na maioría do centro e norte da
eurozona, forzando o Estado a endebedarse para o
beneficio da banca, tanto nacional como
estranxeira. O predicíbel estourido da burbulla
inmobiliaria creou unha crise de enormes
proporcións. A excesiva dependencia dos ingresos do
Estado español das rendas do traballo e do consumo,
en lugar das rendas do capital, explica que o
déficit público do Estado se disparase, pasando de
superávit a un 11% do PIB de déficit en tres anos.
E, unha vez máis, a crise e o déficit público
atribúese (erroneamente) ao excesivo gasto público
(incluíndo o social), cos consecuentes recortes.
Con iso foise empeorando a situación económica,
pois o estancamento económico débese á escasa
demanda, resultado do endebedamento e a baixa
capacidade adquisitiva e non ao excesivo gasto
público. Con estas políticas de recortes, o Estado
español está indo cara a Grecia.
O que se require é unha reforma fiscal que aumente
os ingresos ao Estado para crear emprego, posto que
o maior problema que ten o Estado español non é o
déficit público, senón o elevado desemprego e o
escaso crecemento económico, consecuencia da escasa
demanda. E o país ten os recursos para iso. O que
pasa é que o Estado non os recolle.
Así, o PIB per cápita do Estado español é xa o 94%
da media da UE-15. En cambio, o seu gasto público
social é só o 74% da media da UE-15. Se fose o 94%,
o Estado tería 66.000 millóns de euros máis para
cubrir o déficit do Estado e o enorme déficit de
gasto e emprego público social do Estado español. O
que ocorre é que o Estado no Estado español (e en
Grecia, Portugal e Irlanda) está excesivamente
influído pola banca, a gran patronal e as rendas
superiores, os maiores responsábeis, por certo, da
fraude fiscal, que no Estado español alcanza a
cifra de 88.000 millóns de euros. O feito de que o
Estado prefira recortar o Estado do benestar en
lugar de facer a reforma fiscal que o país necesita
débese ao que se chamaba antes “poder de clase” e
agora chámase (erroneamente) “poder dos mercados”.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript