11/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os xuíces galegos repartiranse até medio millón en incentivos
Mentres que ao resto dos traballadores e traballadoras da Administración Pública non
lles queda máis que o desconto do 5%. Para certos
privilexiados sectores da propia Administración a situación é ben distinta. O Ministerio de Xustiza asinou o día 4 de xullo coas asociacións xudiciais un acordo para distribuír entre os xuíces do Estado 6,8 millóns de euros en concepto de retribucións variábeis correspondentes a 2010. Os galegos poderían percibir, segundo cálculos estimatorios, entre 400.000 e 500.000 euros de incentivos vinculados ao seu rendemento individual, é dicir, o número de sentenzas ditadas.
Aínda así e, a pesar de supor case sete
millóns para as arcas públicas, distintos membros
da xudicatura consultados por Xornal coinciden en
criticar que isto supón unha “cantidade ínfima” en
comparación con outros funcionarios, como os
inspectores de Facenda, para os que estas
retribucións “poden supor até o 30% do seu
salario”.
A Lei Orgánica do Poder Xudicial, no artigo 403.4,
recoñece aos membros da carreira xudicial o dereito
a percibir diñeiro por obxectivos vinculados ao seu
rendemento.
O acordo co ministerio, destaca que os xuíces,
“demostraron un nivel de compromiso e dedicación na
súa actividade diaria, como consecuencia do proceso
de modernización da Xustiza –en referencia á
implantación da nova oficina xudicial–, que
xustifica este acordo”.
De todos os xeitos todos incrementarán os seus
salarios. Os de máis baixo rendemento repartiranse
arredor do 13% do monto total do presupostado.
O acordo foi asinado pola Asociación Profesional da
Magistratura, Xuíces para a Democracia e a
asociación Francisco de Vitoria, pero non polo Foro
Xudicial Independente, que se opón ao “concepto da
produtividade dos xuíces segundo o número de
sentenzas que diten, porque se prima o número e non
a calidade da Xustiza”. A pesar da firma deste
acordo, as negociacións entre o Ministerio e o
resto de asociacións para cambiar a estrutura das
retribucións dos xuíces están rotas.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript