xullo de 2011
 
 

11/07/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Coa anulación do contrato a Xunta dilapida tempo e diñeiro

O proxecto da área residencial universitaria de Elviña era pioneiro tamén por un concepto residencial novo: a configuración dunha espazo común constituído por 300 vivendas de protección autonómica (VPA) en réxime de aluguer con capacidade para 600 estudantes por 100 euros mensuais.

 

  • Noticias relacionadas

 

Esta protección permitía que o plan se beneficiase dos fondos estatais destinados ao acceso á vivenda para xente moza, unha cuantiosa achega que a Xunta tamén botará a perder ao anular todo o camiño andado ata o momento en prol dun novo proxecto no que unha empresa privada se encargue de todo, previsiblemente co desenvolvemento dunha residencia convencional, e asuma a xestión para o seu lucro.
 
Paradoxicamente, a Xunta ampara a súa decisión na austeridade.
 
De partida a Xunta xa dilapidou un millón de euros: o que custou desenvolver o documento arquitectónico que agora se paraliza. Ademais, o bloqueo causará unha demora que a Universidade da Coruña (UDC) estima nun mínimo de dous anos. “Este retraso tamén supón unha perda económica cuantificable”, sinala o vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, quen lembra que a da Coruña é a única universidade dos sistema galego de carece dunha residencia pública para estudantes.
 
Malia o anuncio da Xunta de botar por terra todo o proxecto actual, a UDC aínda non renuncia a ter a xestión da residencia: “Se agora o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) non se ve capaz de acometer o proxecto, o que ten que facer é ceder os terreos á universidade para que os xestione convenientemente”, expón o vicerreitor.
 
MODIFICACIÓN DO PLAN XERAL
 
Xosé Lois Martínez lembra que o proxecto da residencia de Elviña non se pode mudar de calquera xeito, xa que a súa tramitación supuxo a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente na cidade e que volver atrás neste paso suporá “outros dous anos de trámite”.
 
O responsable universitario pon por diante que “o IGVS ten que decatarse de que non está actuando sobre un solo para propiciar a iniciativa privada, senón nun campus universitario”. Insiste ademais en que era “un proxecto realmente innovador” tanto pola técnica construtiva como pola configuración baseada en apartamentos de protección autonómica en aluguer e áreas comúns como zonas de estudo e mesmo áreas comerciais. Martínez avoga por manter este proxecto por fases, reducindo as prazas iniciais.
 
Pero a Xunta négase en banda a desenvolver o proxecto redactado –e cos terreos xa expropiados para esta dotación pública– argumentando que non pode costear os 34 millóns de euros nos que estima o custo total da obra. Mentres, ante a ausencia dun servizo público, residencias privadas como Rialta –propiedade do coñecido empresario Manuel Jove– cobran ata 750 euros mensuais aos estudantes nas prazas libres e benefícianse de cartos públicos para outras 150 camas concertadas, polas que a UDC lle abonou 2,5 millóns de euros na última década, lembra o vicerreitor.
 
Polo seu interese reproducimos o que parece unha entrevista ao vicerreitor de Infraestruturas publicada no diario o Xornal. Coincidindo no diagnóstico non entendemos que a Universidade non utilice todos os medios ao seu alcance (renunciou expresamente a proceder a un peche institucional) para reivindicar a residencia universitaria pública.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript