xullo de 2011
 
 

11/07/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O uso de forza excesiva contra manifestantes non debe quedar impune

Tras varias semanas de investigación sobre a actuación policial nas manifestacións do chamado movemento 15-M en Barcelona o 27 de maio, Amnistia Internacional documentou o uso de forza excesiva por parte das forzas policiais que interviñeron. Amnistía Internacional tamén expresou a súa profunda preocupación polos reiterados informes segundo os cales forzas policiais españolas terían feito uso noutros casos, o 15 de maio en Madrid, o 27 de maio en Lleida, o 9 de xuño en Valencia, e o 15 de xuño en Barcelona.

 

  • Noticias relacionadas

 

Amnistía Internacional dirixiuse por carta ao ministro de Interior do Goberno do estado, Alfredo Pérez Rubalcaba, e ao conselleiro de Interior do Goberno autónomo catalán, Felip Puig i Godes.
 
A organización esixiu ao Goberno central e ao catalán que leven a cabo sen demora unha investigación independente, exhaustiva e eficaz de todas as denuncias de uso de forza excesiva por parte da policía cara aos manifestantes, así como que se adopten medidas disciplinarias e, se procede, se inicien actuacións penais contra os axentes de policía dos que se conclúa fixeron un uso de forza excesiva.
 
"Consideramos motivo de especial preocupación os informes e as evidencias de uso de forza excesiva na praza de Catalunya de Barcelona, a mañá do 27 de maio, cando os Mossos d'Esquadra interviñeron para dispersar os manifestantes", explicou Jezerca Tigani, vice-directora do Programa Rexional para Europa e Asia Central do Secretariado Internacional de Amnistía Internacional.
 
Imaxes de vídeo da operación policial efectuada na praza de Catalunya o 27 de maio, ás que pode accederse doadamente en Internet, mostran aos Mossos d'Esquadra golpeando reiteradamente coas súas porras a manifestantes aparentemente pacíficos e disparando pelotas de goma e cartuchos de fogueo. Nas mesmas imaxes, algúns manifestantes parecen estar feridos e ter sangue nas mans e na cabeza. Segundo cifras oficiais, 84 manifestantes e 37 axentes de policía resultaron feridos. Un avogado que asistiu aos manifestantes afectados dixo a Amnistía Internacional que un total de 180 persoas denunciaran lesións, e que unhas 50 delas recibiron informes médicos que documentan esas lesións.
 
Amnistía Internacional tamén documentou casos de persoas que denunciaron ter sufrido lesións como consecuencia do uso de forza excesiva por funcionarios encargados de facer cumprir a lei no contexto desta operación policial. Todas elas contaron a Amnistía Internacional que a mañá do 27 de maio os Mossos d'Esquadra os golpearon con porras en repetidas ocasións malia que se estaban a manifestar de forma pacífica e en ningún momento agrediron os axentes de policía; e que resultaron lesionados como consecuencia dos golpes. Os informes emitidos por persoal médico corroboran estes testemuños, xa que todas recibiron tratamento médico, entre outras, por feridas inciso contusas, equimose e contusións na cabeza e outras partes do corpo. O seu testemuño tamén é corroborado por vídeos e fotografías que mostran a actitude pacifica daquelas persoas no momento de recibir os golpes.
 
Amnistía Internacional non comparte a negativa de Felip Puig i Godes a realizar unha investigación sobre o sucedido ao alegar que os Mossos d'Esquadra recorreran á forza unicamente para responder ás agresións por parte dos manifestantes. O Goberno catalán non fixo pública evidencia algunha dese presunto uso da violencia por parte dos manifestantes.
 
Amnistía Internacional expresou en diversas ocasións a súa preocupación polas denuncias reiteradas e cribles de uso arbitrario ou excesivo da forza por parte dos funcionarios encargados de facer cumprir a lei no estado español, así como pola impunidade que reina nos devanditos casos.
 
"O Goberno central español e o autonómico catalán, cada un na súa respectiva área de competencia, deben crear un mecanismo independente dedicado a investigar as denuncias de violacións de dereitos humanos cometidas por funcionarios encargados de facer cumprir a lei", engadiu Jezerca Tigani.
 
Outros informes de uso de forza excesiva
 
Recibíronse tamén informes segundo os cales as forzas de policía usaron forza excesiva contra manifestantes en Lleida o 27 de maio, en Valencia o 9 de xuño e en Barcelona o 15 de xuño. Se ben se denunciou que un reducido número de manifestantes actuaron con violencia contra a policía, imaxes de vídeo da última destas manifestacións mostran a axentes dos Mossos d'Esquadra, sen número de identificación nos seus chalecos protectores, golpeando coas súas porras manifestantes aparentemente pacíficos e disparando pelotas de goma e cartuchos de fogueo.
 
A organización recibiu así mesmo denuncias de manifestantes detidos no contexto das manifestacións do 15 de maio na Porta do Sol de Madrid, afirman que ter recibido golpes e sufrido outros malos tratos. En concreto, e segundo unha declaración feita pública por 16 dos 19 manifestantes detidos, foron golpeados por axentes de policía, uns durante a manifestación na praza, outros mentres eran trasladados en vehículos á comisaría de policía de Moratalaz, e outros no interior da comisaría. Segundo a declaración, a policía ameazounos tamén con actos de violencia como botalos pola ventá, e proferiu comentarios homófobos e outros insultos.
 
Información complementaria
 
Aínda que en virtude do dereito internacional dos dereitos humanos toda persoa ten dereito a participar en reunións lícitas e pacíficas, o exercicio deste dereito poderá estar suxeito a certas restricións en interese da seguridade nacional ou a seguridade pública, entre outras. Amnistía Internacional non cuestiona o dereito das autoridades do estado, centrais e catalás, pertinentes a actuar conforme á lei para impoñer tales restricións, e recoñece que os funcionarios encargados de facer cumprir a lei teñen a obriga de garantir a seguridade e a integridade física das persoas.
 
Non obstante, calquera actuación policial debe levarse a cabo de tal maneira que cumpran o dereito e as normas internacionais, o que inclúe deber de exercer moderación, actuar en proporción á gravidade do delito e ao obxectivo lexítimo que se persiga, reducir ao mínimo os danos e as lesións e respectar e protexer a vida humana.
 
Por outra parte, Amnistía Internacional recoñeceu positivamente a creación, mediante decreto do goberno autónomo catalán en 2007, do Comité de Ética Policial, cuxo mandato consiste, entre outras cousas, en recibir e analizar denuncias de particulares relativas á conduta das forzas de policía. Non obstante, a organización lamenta que se suspendese a actividade do Comité tras a dimisión da maior parte dos seus membros.
 
Amnistía Internacional pon de manifesto que tanto en Cataluña, conforme ao decreto 217/2008 do 4 de novembro, para os Mossos d'Escuadra, como pola instrución do 14 de setembro de 2007, do Ministerio de Interior para os axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, os axentes uniformados deben levar o seu número de identificación profesional claramente visible no seu uniforme. Non obstante, segundo os testemuños, as imaxes de vídeo e as fotografías dispoñibles, os Mossos d'Esquadra que interviñeron na operación da praza de Catalunya non levaban o seu número de identificación á vista. Esta circunstancia pode dificultar os intentos de identificar os funcionarios presuntamente responsables dos abusos, tendo en conta que a maioría dos axentes se cubrían a cabeza con cascos, e algúns mesmo con pasamontañas, o que dificulta aínda máis a posibilidade de que renda contas dos seus actos.
 
Casos_02.pdf

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript