11/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Comunicado. Regreso dunha parte do continxente de activistas da Flotilla
Este xoves, 7 de xullo de 2011, regresará á casa parte do continxente de internacionalistas de Rumbo a Gaza. Dende o pasado 22 de xuño encontrábanse en Grecia esperando a embarcar no 'Gernika' para zarpar, xunto ao resto da Segunda Flotilla da Liberdade - Seguimos sendo humanos, con destino cara ás costas de Palestina para romper e poñer fin ao bloqueo ilegal israelí á Franxa de Gaza.
Mentres esta parte do continxente voa á casa,
outro grupo permanece ocupando a Embaixada de
Grecia en España e estarán alí ata que o 'Gernika'
sexa libre para navegar polas augas do
Mediterráneo. Outra brigada está no porto de
Kolimvary, na illa de Creta, custodiando o noso
barco.
A partida da Flotilla da Liberdade pode demorarse
horas, semanas ou meses. Non nos importa. Do pobo
palestino aprendemos a ser pacientes. Se alí levan
resistindo máis de 60 anos heroicamente unha
ocupación brutal, aquí podemos esperar todo o tempo
que sexa necesario para facernos ao mar e ir ao seu
encontro como homes e mulleres libres. A chantaxe,
as sabotaxes e as artimañas ilegais non dobregarán
a nosa vontade.
As persoas que están a punto de regresar cumpriron
sobradamente co obxectivo inicial que se marcou
Rumbo a Gaza: poñer no primeiro plano da axenda
internacional o criminal cerco israelí á Franxa de
Gaza e o sometemento de todo o pobo palestino.
Volven para reincorporarse aos seus traballos e ás
súas vidas e para seguir loitando cotiamente como
fixeron ata agora, como veñen facendo dende sempre
e como o fixeron en terras gregas, desafiando a
ilegal e inxusta inmobilización da Flotilla por
parte do Goberno de Grecia, a prepotencia do Estado
de Israel, a complicidade de Estados Unidos e o
cínico silencio da Unión Europea e do Goberno de
España.
Neste ano de intenso traballo, a nosa campaña foi a
voz de Gaza e de Palestina. E esta voz soou máis
forte que nunca durante estes últimos días. Ninguén
se puido subtraer ao debate: cidadanía, medios de
comunicación de masas e medios alternativos,
gobernantes e representantes políticos,
embaixadas… Nin no Estado español nin no
resto do mundo. Vencemos o maior aliado do Estado
de Israel: o silencio.
Dixémolo en todos os lugares aos que acudimos
nestes meses: a Flotilla da Liberdade non é fin en
si mesma, senón un medio máis de loita na defensa
dos dereitos do pobo palestino. Cando os sabios
apuntan á Lúa, os necios quedan mirando o dedo. E
así quedaron os Gobernos de Israel, de Grecia, de
Estados Unidos e da Unión Europea, que non se
decatan na mesma medida que a súa lexitimidade
democrática diminúe de que a solidariedade popular
en torno a Palestina crece.
A Segunda Flotilla da Liberdade - Seguimos sendo
humanos tivo a virtude de facer que se posicionaran
todos os actores involucrados. E a imaxe que deixou
a maioría dos devanditos actores internacionais
deixa moito que desexar. Israel volveu evidenciar a
súa condición de Estado delincuente, amparado polo
seu gran cómplice, Estados Unidos.
O Goberno grego foi un monicreque en mans dos
poderosos, mentres que o silencio vergonzoso da
Unión Europea, Goberno de España incluído, é unha
afronta para aquelas persoas que despois da Segunda
Guerra Mundial soñaron un continente libre,
democrático e en paz. Outro tanto poderíase dicir
de Nacións Unidas, co seu inane secretario xeral,
Ban Ki-moon, á cabeza. Coa súa actuación, todos se
fixeron cómplices do bloqueo de Gaza e do
sojuzgamiento do pobo palestino.
Dixemos hai un ano que Rumbo a Gaza nacía con
vocación de permanencia. O que se conseguiu nestes
meses reasina a validez da nosa proposta e da
iniciativa das Flotillas. Creouse unha sólida
plataforma de traballo dende a que axudar á
liberación do pobo palestino. Desa plataforma
forman parte as persoas que agora regresan, as que
permanecen en Kolymvari, as que partirán en breve e
todas aquelas que, como dixo Santiago Alba Rico
nunhas palabras que se converteron xa en sinais de
identidade da nosa campaña, sopran dende terra:
"A Flotilla non está composta duns cantos barcos; a
Flotilla é inmensa, está en terra, en todas as
partes; nestes barcos viaxan centos de miles de
persoas, millóns de persoas. Nestes barcos viaxan
todas as persoas que sopran dende terra para que o
vento nos leve ata Gaza. Que os gobernos comprendan
que a maior parte das pasaxeiras da Flotilla non
están nos barcos senón en terra é o noso máis
poderoso instrumento de presión".
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript