xullo de 2011
 
 

11/07/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Os grupos antidesahucio xa están en marcha

Despois da acción que impediu o desaloxo dunha familia en Ferrol, a brigada contra desaloxos do 15-M coruñés inaugura a súa actividade cunha “acción” na rúa Real

 

  • Noticias relacionadas

 

Ás 19.20 do día 4 deste mes, seis representantes do grupo contra desaloxos do movemento 15 M coruñés irromperon na confluencia das rúas Real e Bailén, fronte ao teatro Rosalía de Castro, armados cun berce e unha reprodución en deuvedé do pranto dun bebé. A finalidade desta “acción”, segundo un portavoz do grupo, “é, por unha banda, concienciar á xente da situación na que queda unha familia con fillos que acaba de ser embargada ou desafiuzada e, por outro, dar a coñecer aos cidadáns que o grupo contra desaloxos da acampada de Obelisco comezou a súa actividade oficialmente”.
 
Para iso, os integrantes desta brigada contra embargos pon a disposición de todo aquel interesado en denunciar un desaloxo na cidade un correo electrónico ao que dirixirse: desahucios.coruna@gmail.com. As denuncias recibidas serán atendidas e estudadas nas asembleas do 15-M coruñés, onde se decidirá o tipo de acción a seguir.
 
O berce cun deuvedé no seu interior que reproduciu de forma continuada o pranto dun bebé foi contemplado pola mirada atónita dos centos de paseantes que gozaban dunha asollada xornada de rebaixas. Algunha avoa contrariada apresurouse a comprobar se a orixe dos choros eran real, quedando profundamente aliviada ao comprobar que se trataba dun aparello electrónico.
 
A performance estivo acompañada dunha repartición de panfletos cos datos do CGPJ, “hai que concienciar á xente de que o que está a suceder é unha barbaridade”, comentaba un dos encargados de repartir os flyers. “Paréceme ben que se chame a atención con este tipo de cousas, porque hai moita xente que está a vivir un auténtico drama”, aseguraba outra muller cargada de bolsas.
 
Pero non todas as reaccións á acción indignada foron favorábeis. “Xa non se pode pasear pola rúa, están en todos lados armando barullo”, comentaba un home de idade avanzada con expresión de desprezo. “O que hai que facer é traballar home”, murmuraba outro viandante, para engadir: “O que pasa é que con este Goberno que temos é imposíbel”.
 
Outros se achegaban e pedían voluntariamente panfletos para poder coñecer a orixe da protesta, “é polos desafiuzamentos e embargos”, explicaba un manifestante a unha nova interesada no acto. “Mira! son os indignados, exclamaba un neno mentres lle tiraba do brazo ao seu pai”. “Xa os vexo, xa os vexo!”, contestaba leste.
 
GRUPOS POR TODA GALICIA
 
Cabe lembrar que, a semana pasada, tivo lugar a primeira acción antidesaloxo en Ferrol , onde os integrantes do 15-M evitaron a entrada da policía a unha vivenda embargada. Tamén os indignados vigueses traballan para confeccionar o seu propio grupo antidesalojos e tratar de evitar así os casos que se están dando na cidade olívica.
 
Mesmo nos municipios da área metropolitana coruñesa están a xurdir foros de debate. Oleiros xa conta con dúas asembleas programadas para esta semana na praza Luís Seoane de Santa Cruz; unha esta tarde ás 19.00, e outra o vindeiro xoves 7 de xullo ás 20.00. Ademais, localidades como Cambre, Betanzos ou Culleredo acollerán tamén reunións para tratar situacións de exclusión social nos seus municipios.
 
Os portavoces da acampada da Coruña tamén falaron das cifras publicadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial e das medidas aprobadas polo Goberno a pasada semana. “As medidas do Executivo son de xeito evidente insuficientes, contribuirán a axudar un pouquiño a poder seguir pagando as débedas co banco pero nada”máis , aseguran.
 
Máis pesimistas móstranse coas cifras da xustiza española sobre desaloxos. “Nós manexamos que desde o 2007 quedáronse na rúa 300.000 familias, e cremos que poidan chegar a 500.000 en 2012 xa que se van a disparar os desafiuzamentos de aquí a final de ano”, anuncia un dos integrantes do grupo. “Sabémolo porque o CGPJ está a pedirlle ao Ministerio de Xustiza máis medios para facer fronte á onda de casos que van ter que tramitar nos próximos meses”, engade.
 
“As persoas que agora quedan na rúa son aquelas que esgotaron todas as vías posíbeis, que se cadra levan dous anos no paro e xa non teñen máis axudas ás que acollerse por parte das administracións ou dos seus familiares e amigos, e o gordo parece que aínda está por chegar”, conclúe.
 
O Xornal

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript