11/07/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
O comité da SGAE
A SGAE nomeou un comité para
descubrir o alcance dos feitos delituosos cometidos no seu
seo. É tronchante. É coma se os compañeiros de Alí Babá,
cazado este, nomeasen un comité entre eles para localizar o
tesouro. Para facer xustiza, todos e cada un dos membros do
consello reitor da SGAE deben ser apartados dos seus cargos
e o xuíz instrutor debe investigar o patrimonio de todos
eles e as súas vinculacións, os dos seus familiares, as
sociedades onde aparecen como socios, partícipes ou
administradores. Débese informar do movemento de todas as
súas contas bancarias, incrementos de patrimonio,
declaracións de renda e beneficios, e a Interpol debe
informar dos seus movementos bancarios en paraísos fiscais.
Así é como se debe iniciar a indagación dos feitos
delituosos. O demais é pura broma.
Ante a visita do papa Benedicto XVI
O día 18 de agosto de 2011
ten prevista a súa chegada a Madrid Benedicto
XVI. Para a devandita visita, o Goberno do
Reino de España e as institucións de Madrid
teñen previsto gastar moito diñeiro en
aloxamentos, seguridade, sanidade, publicidade,
actividades lúdicas, limpeza, son, etcétera.
Empresas privadas anunciaron doazóns
cuantiosas, coas conseguintes desgravacións
fiscais ás que se acolleron. Hai cálculos que
sitúan o gasto final en preto de cen millóns de
euros, e unha parte importante sairá das arcas
públicas.
Ante este feito, manifesto o meu total
desacordo co recibimento programado para
recibir a Ratzinger, xa que vén exclusivamente
en misión pastoral. Así mesmo, manifesto o meu
rexeitamento ao gasto público en actividades
que non sexan as que xeran unha mobilización
cidadá: seguridade e limpeza.
Pido ao Goberno do Reino de España, así como á
Comunidade de Madrid e ao Concello, que non
deriven diñeiro público para o evento
denominado Xornada Mundial da Xuventude
(católica), nin para a visita do papa a Madrid
por consistir nun evento de carácter privado,
salvo o derivado da seguridade e limpeza que
require habitualmente calquera acontecemento
cidadán (privado). E fágoo porque, nesta época
de crise, non me parece razoable facer gastos
innecesarios, que só concirnen a unha parte da
cidadanía.
Preguntas sen resposta sobre economía
Como é posible que as mesmas
axencias crediticias que outorgaban as máximas
notas ás hipotecas lixo e aos "derivados
financeiros" de difícil ou imposible cobramento
sexan as que hoxe rebaixan as cualificacións
das débedas soberanas baseándose en simples
suposicións? Quen secuestrou os estados para
que teñan que ser rescatados con cantidades
millonarias que hipotecan o noso futuro e
menoscaban os nosos dereitos? Ata cando
seguirán abusando os políticos europeos da
paciencia daqueles que os elixiron, mantendo
aberta a billa aos especuladores? Pode algún
goberno, algunha institución europea ou algún
director do FMI explicarnos como logrará un
país endebedado ata a cellas, rescatado
financeiramente e cunha cualificación de bono
lixo, recuperarse economicamente sen converter
os seus cidadáns en escravos do século XXI?
Dicía Keynes: "De cando en vez, o Estado ten
que intervir para salvar ao capitalismo de si
mesmo e así preservalo”. Sinceramente, non sei
a que están a esperar
Erre que erre, Rajoy ou Rubalcaba
A secretaria xeral do PP,
María Dolores de Cospedal, declarou que, se
Rubalcaba presume de ter receitas contra o
paro, non dicilas e aplicalas sería "case
delituoso". Dende logo. Pero tamén sucede que
Rajoy afirma dende hai anos que ten esas
receitas e négase tamén a desvelalas antes de
ser elixido. Máis aínda, chegou ao extremo de
esquivar a resposta nun recente programa no que
se lle preguntou sobre a súa solución ao paro
xuvenil, pretendendo que "non" entendía a súa
propia letra" no apuntamento onde tiña a
fórmula máxica para resolvelo. E aínda non
consultou, polo que se ve, un grafólogo. O que
si é moi difícil de entender é que aínda haxa
unha maioría de votantes que consideren que a
solución do país é algunha destas dúas
alternativas, Rajoy ou Rubalcaba que, en
realidade, non son dúas, xa que son demasiado
parecidas. Tamén é difícil de entender que non
haxa aínda outras alternativas consolidadas ou
moitos máis "indignados". Así nos vai, R que R,
con Rajoy ou Rubalcaba.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript