xullo de 2011
 
 

04/07/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

21 empresas do Ibex teñen filiais en paraísos fiscais

A presenza das grandes compañías do Estado (as que cotizan no Ibex 35) en territorios fiscalmente opacos está estendida. Ao peche de 2010, seis de cada dez empresas do Ibex tiña, polo menos, unha sociedade domiciliada nalgún dos países aos que a lei “española” considera paraísos fiscais. Estes territorios caracterízanse por ofrecer aos cidadáns e empresas estranxeiros sistemas impositivos moi laxos e con escasos controis financeiros, o que favorece a redución da presión fiscal.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

O cálculo baséase na información publicada polas empresas nas súas memorias anuais e no listado de países aos que a Axencia Tributaria identifica como paraísos fiscais.
 
Dende que, hai dous anos, o GR-20 instase a reforzar a loita contra os territorios offshore tras o estalido da crise financeira, Facenda asinou varios acordos bilaterais para evitar a dobre imposición e previr a fraude fiscal, o que sacou da súa lista negra a países onde as empresas españolas teñen ampla presenza, como Andorra, Luxemburgo ou as Antillas Holandesas.
 
O número de territorios opacos decreceu polos acordos bilaterais
 
En febreiro pasado, a ONG Intermón-Oxfam denunciou que, a peche de 2009, o 80% das empresas do Ibex opera en paraísos fiscais, aínda que contabilizaba territorios como Suíza, Países Baixos ou o microestado de Delaware (EUA), sede de máis de 200.000 empresas pola súa baixa presión fiscal. Non obstante, a Axencia Tributaria, non considera eses lugares paraísos fiscais.
 
Das 34 empresas do Ibex (exclúese a Arcelormittal, unha multinacional con sede en Luxemburgo) 21 contan con algunha filial nun deses territorios (teñen 108). As trece compañías que non o fan (a maioría, das máis pequenas do Ibex) son Abengoa, Abertis, Bankinter, BME, Criteria, Ebro, Enagas, Endesa, FCC, Ferrovial, OHL, REE e Telecinco. No caso das que si teñen filiais neses territorios, abundan as que aparecen identificadas como "financeiras" ou "sociedades de carteira". Non obstante, outras veces trátase de sociedades cuxo obxecto social coincide co da empresa matriz.
 
O caso máis habitual é o de Hong Kong, que moitas compañías utilizan como porta de entrada ao boiante mercado chinés; por exemplo, Inditex, o maior grupo téxtil do mundo (que ten 7 filiais radicadas en territorios offshore), utilizou a ex colonia británica para situar alí a súa central de compras en Asia, así como as sedes das súas filiais locais de Massimo Dutti, Bershka e Stradivarius.
 
Intermón eleva a presenza do Ibex neses países ao 80% das súas empresas
 
Outros casos similares son os de Gas Natural, que ten domiciliadas en Panamá tres distribuidoras de electricidade e unha xeradora; Telefónica que tamén ten alí unha filial de móbiles, outra de Terra e outra de Atento; ou Sacyr, que conta cunha sociedade radicada no país centroamericano, onde se adxudicou a ampliación da Canle, unha das maiores obras da historia. Panamá, que se consolidou como un dos principais centros de negocios de Latinoamérica, podería ser eliminado en breve da lista española de paraísos fiscais.
 
Santander, á cabeza
 
A empresa española do Ibex con máis sociedades neses territorios (33) é Banco Santander. A súa presenza concéntrase sobre todo nas Illas Caimán (8), Bahamas e Jersey (6 en cada unha) e Guernsey (5). Dende o banco explican que "nos últimos anos se foi reducindo progresivamente" a súa presenza en paraísos fiscais, e que a tendencia vai continuar. Algunhas desas sociedades pertencen a bancos adquiridos nos últimos anos pola entidade cántabra, como os británicos Alliance & Leicester (A&L;) ou Abbey.
 
Outras, din dende o banco, son emisoras de participacións preferentes, que se utilizaban para esas operacións antes de que a normativa obrigase a efectualas no Estado español. E outras teñen outros fins. Así, Holbah, a que maior beneficio individual declara e readicada en Nassau (Bahamas), é unha sociedade de carteira utilizada polo grupo como tenedora das participacións de bancos en Latinoamérica.
 
Esa filial, cuxo nome responde ao acrónimo de Hólding Bancario funciona como unha sociedade instrumental, que cobra os dividendos desas entidades en Bahamas (onde a presión fiscal é moi baixa) e os paga en España. "O beneficio non o achega Holbah, é a pasarela para cobrar os dividendos", din na entidade. Trátase, polo tanto, de operacións intragrupo, polo que o beneficio individual (non consolidado) que figura nas contas (702 millóns) é pouco representativo. Santander tamén ten participacións minoritarias (de máis do 5%) en tres sociedades nas Caimán e Guernsey. Unha delas declarou o ano pasado unhas perdas de 237 millóns.
 
A segunda empresa española con máis presenza en paraísos fiscais é Repsol YPF, con 13 filiais. Nas Caimán ten 12: delas, catro son sociedades de carteira e tres, financeiras. En 2010, unha das primeiras declarou un beneficio individual de 32 millóns.
 
Repsol, que non quixo facer comentarios sobre este asunto, é unha das tres empresas que admiten na súa memoria de Responsabilidade Social Corporativa que operan en paraísos fiscais. A petroleira di que a súa presenza en territorios incluídos na lista de paraísos fiscais da OCDE "circunscríbese " a Liberia [que non está no listado da Axencia Tributaria], "onde realiza actividades de exploración de hidrocarburos", aínda que admite que, "atendendo ao concepto máis amplo de paraíso fiscal da normativa española", opera en máis territorios. Non obstante, cre que "en breve" deixarán de "ao haber selo negociado ou estar a negociar coas autoridades españolas acordos de intercambio de información ou convenios para evitar a dobre imposición".
 
Iberdrola, a primeira eléctrica do estado, tamén admite que opera en paraísos fiscais. Ten filiais nas Illas Caimán e de Man, que pertencían a Scottish Power, adquirida en 2007. A primeira está en disolución e para a segunda, "estase a avaliar a súa liquidación". En Chipre, ademais, ten un 75% dunha eólica a través de Rokas, controlada por Iberdrola Renovables. "En ningún caso realizan actividades de evasión fiscal, branqueo de capitais nin financiamento de actividades ilícitas", indica a empresa.
 
Por último, Telefónica admite que ten cinco sociedades en paraísos fiscais "cuxa xustificación nada ten que ver coa vontade de Telefónica de reducir a carga tributaria". "Responden, ou ao desenvolvemento da actividade propia do grupo, como é o caso de Panamá, ou a estruturas herdadas de adquisicións a terceiros. Moitas desas compañías encóntranse inactivas na actualidade, en fase de liquidación, ou noutras procedeuse á súa venda (en 2010, Manx Telecom) "
 
Resumo de artigos publicados en Público

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript