xuño de 2011
 
 

27/06/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

A renda per cápita segue caendo

A riqueza per cápita dos cidadáns do Estado volveu caer en 2010 como consecuencia da crise económica e situouse sete puntos por debaixo da media da eurozona e só un punto por enriba da media comunitaria, segundo a primeira estimación publicada este martes pola oficina estatística comunitaria, Eurostat.

 

  • Noticias relacionadas

 

O produto interior bruto (PIB) por habitante do Estado caeu do 103% da media da Unión Europea en 2009 ao 101% en 2010. Dende o inicio da crise en 2007, a renda per cápita dos cidadáns do Estado (que se situaba no 105%) acumula unha caída de catro puntos respecto á media comunitaria.
 
Fronte a iso, a riqueza por habitante dos países da eurozona só caeu un punto, do 109% en 2007 ao 108% o ano pasado. Entre os grandes Estados membros, Alemaña xa superou o seu nivel de renda per cápita previo á crise (ao pasar do 116% ao 119% de media comunitaria), mentres que Francia aínda está lixeiramente por debaixo (107% fronte a 108%) e Italia perde catro puntos e volve quedar por debaixo do Estado (no 100%).
 
O país da UE que máis riqueza por habitante perdeu durante a crise é Irlanda, que pasou do 147% en 2007 ao 125% en 2010. Malia iso, está en terceira posición do ranking da UE, empatado con Dinamarca, e só superada por Luxemburgo (283%) e Países Baixos (134%). A continuación sitúanse Austria (125%), Suecia (123%), Alemaña, Bélxica (118%), Finlandia (116%), Reino Unido (113%) e Francia.
 
Os países máis pobres da UE son Bulgaria (43% da riqueza por habitante media da UE), Romanía (45%), Letonia (52%), Lituania (58%), Polonia (62%), Hungría (64%), Estonia (65%), e Eslovaquia (74%).
 
Séguenlles República Checa (80% do PIB per cápita medio comunitario), Portugal (81%), Malta (83%), Eslovenia (87%), Grecia (89%) e Chipre (98%).

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript