xuño de 2011
 
 

27/06/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Bótalle a culpa aos gregos

"Que Grecia cumpra é necesario para que os que fan os deberes, como España, non sufran as consecuencias de que outros non os fagan. " -Joaquín Almunia, vicepresidente da Comisión Europea-

 

  • Noticias relacionadas

 

A ver se o entendín, que son un pouco lento: resulta que o futuro da zona euro e das economías europeas depende de que o parlamento grego aprobe un novo plan de axuste máis drástico que os anteriores, para así activar o segundo rescate?.
 
É dicir: que se os gregos non aceptan recortar pensións, subir impostos, despedir miles de funcionarios e privatizar medio país, virá o desastre continental: o efecto contaxio, o efecto dominou, o efecto Lehman Brothers e non sei se tamén o efecto bolboreta e o efecto invernadoiro, xa postos; a crise estenderase a todos os países, a moeda común desaparecerá, os traballadores sufriremos máis paro, máis recortes e máis miseria...
 
Pois si que son egoístas os gregos, que prefiren salvar o pouco que lles queda e deixar que se derrube Europa enteira, non? Pois non. Séntoo, pero non trago. Non penso seguir culpando os gregos de todos os males, os seus e os alleos. Grecia é máis vítima que culpable dunha crise que, non esquezamos, nos seus inicios non foi helena senón financeira.
 
Xa vai sendo hora de recoñecer que a política anticrise europea non funciona. Nin serve para recuperar a economía, nin está a servir para resistir os "ataques dos mercados". A Grecia rescatoulla hai un ano, impúxoselle un plan de axuste ao besta, con redución de salarios e pensións, recortes en educación e outras sangrías, e un ano despois non só está mellor, senón moito peor, pagando ata un 29% -leron ben- por colocar bonos a tres anos. Para que insistir na fórmula do "rescate", se o diñeiro recibido só serve para pagar intereses, mentres se lucran os que fan negocio coa débeda grega?
 
Insistir no mesmo camiño non salvará a Grecia, desafiuzada polos mercados e pola fraternal Europa. Só conseguirán afundila máis, a un custo alto para todos e, unha vez afundida, os mercados trasladarán o negocio a outro país.
 
Eu non digo que abandonemos a Grecia, pero como parece demostrado que non a estamos a salvar, non deberiamos probar outra cousa?

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript