20/06/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Xunta. A política de privatizacións lévase por diante a residencia pública da UDC
Nos últimos anos, a nivel global, estanse a estender políticas neoliberais que teñen entre os seus principais obxectivos o desmantelamento do Estado de Benestar e os servizos públicos que o caracterizan. Para iso utilízanse varias vías como a privatización, os concertos, os cheques escolares ou sanitarios, formulas de xestión privada ou a externalización.
No Estado español, os distintos gobernos
puxeron en práctica, con maior ou menor grao,
diversas políticas que afectaron a importantes
servizos públicos como os ferrocarrís, a enerxía,
as telecomunicacións, correos ou a cultura.
Actualmente, empézase a ameazar mesmo o sistema de
pensións a través dos investimentos especulativos
cos fondos da Seguridade Social destinados a este
capitulo.
Moitas destas agresións veñen ditadas por
organismos internacionais como o Banco Mundial, o
FMI, a OMC, o G7 ou directivas da Unión Europea,
aplicadas polos gobernos, que as aprobaron
previamente, sen dar contas á cidadanía.
Na nosa nación gobernando o PP ou o bipartito
aplicáronse medidas neste camiño que agora Feijoo
(un fiel seguidor das políticas neoliberais de
outros gobernantes, Esperanza Aguirre en Madrid,
Camps en Valencia) se encarga de incrementar dun
xeito exponencial. Estas actuacións teñen como
principal misión o desmantelamento de dous servizos
públicos básicos como a Educación e a Sanidade
Pública, aínda que tamén se están a producir
ataques ao sector público na administración, a
cultura, o transporte, a auga, servizos sociais e
outros servizos vinculados á protección do medio…
As consecuencias deste proceso de privatización son
de especial gravidade, xa que os servizos públicos,
concibidos ata a data como un dereito cidadán
irrenunciable, son un salario social indirecto para
o conxunto da poboación e especialmente para os
sectores máis desprotexidos, moi vulnerables,
ademais, na actual situación de crise.
O seu sometemento ao mercado, acompañado da
redución do investimento público e da busca de
beneficios por parte das empresas concesionarias,
somételles a un proceso de precarización que reduce
drasticamente o seu acceso e calidade, xera custos
extras á poboación, degrada o medio e produce
segregacións que rompen a cohesión social e afondan
nas desigualdades.
As consecuencias tamén son moi graves para os seus
traballadores/as, xa que a medida que se deterioran
estes servizos, as súas condicións laborais sofren
unha degradación equivalente. Tendo en conta,
tamén, que un dos elementos de aforro (o capital
busca a ganancia en todos os aspectos) céntrase na
diminución de efectivos, a atención á poboación á
que van dirixidos diminuirá sensiblemente. O poder
negociador dos traballadores e a participación e
capacidade de intervención cidadá, redúcese ou
elimínase.
A Xunta parece que utilizará para a residencia
universitaria o mesmo método que para a apertura
dos novos hospitais como Concesións de Obra Pública
(deste xeito a Xunta cumpre o compromiso de facer a
residencia pero a un custo económico e social
elevadísimo), este método supón que a propiedade da
residencia pertencerá á empresa privada
concesionaria durante un período de “X” anos,
pagando a Comunidade un canon anual polo seu uso.
(Nos Estados onde se aplicou este sistema, sobre
todo na sanidade, quedou demostrado un aumento do
custo de construción e mantemento dos servizos,
unha perda do control publico sobre as
infraestruturas e políticas sanitarias, e unha
caída da calidade).
O novo centro, cando pase ao sistema público,
despois de “X” anos de sobre explotación e sen
investir no seu mantemento (ninguén inviste se sabe
que cesa a súa concesión nuns anos. Pasou
recentemente coa autoestrada á que a administración
tivo que requirir baixo ameaza o mantemento
axeitado) estará inservible ou absolutamente
deteriorado.
O modelo elixido pola Xunta hipotecará durante
varios anos (os da concesión) á cidadanía, para
pagar o aluguer da residencia que non será pública,
senón propiedade dunha empresa privada.
Os servizos públicos fortes, única garantía
para a súa calidade e universalidade, foron o
froito de importantes loitas sociais e só a
mobilización social pode premer na súa defensa,
mellora e afondamento.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript