20/06/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Empresarios e goberno queren ligar salario a productividade
Todo atado e ben atado. O secretario de Estado de Economía, José Manuel Campa, defendeu hoxe que "sería un grande éxito da economía española" vincular cada vez máis salarios e produtividade, e recordou que o novo sistema de negociación colectiva "abre unha brecha para avanzar nesa liña".
"A vinculación dos salarios e a produtividade
é un dos elementos básicos do funcionamento da
economía, tanto a nivel macroeconómico coma de
postos de traballo," observou Campa na súa
comparecencia ante a comisión correspondente do
Congreso.
Por este motivo, dixo que "o grande avance que dá a
reforma da negociación colectiva" aprobada o pasado
venres é que outorga maior preponderancia aos
convenios empresariais en aspectos como o deseño de
políticas salariais, de xornadas, ou a mobilidade
funcional.
Xunto á flexibilidade interna, esta vinculación "é
a grande arma coa que contan as nosas empresas para
o seu crecemento", dixo Campa, polo que confiou en
que cada vez sexa máis común nos próximos dous
anos.
Pola súa banda, o presidente da CEOE, Juan Rosell,
dixo en Santander hoxe que " hai que esquecerse
para sempre "dos salarios fixos "indexados" co IPC
e falar de conceptos variables, entre os que citou
o absentismo laboral, que o empresario podería
repercutir nos soldos. Rosell dixo que "hai moitas
maneiras para poder incentivar a produtividade".
Así, entre os conceptos variables á hora de fixar a
produtividade e fixar os salarios, citou os
beneficios das empresas, o grao de flexibilidade
interna, o investimento e o índice de absentismo
laboral. Na súa opinión, a produtividade é un
"concepto subsectorial" xa que é moi distinta nunha
fábrica de automóbiles, a unha de camións ou de
motocicletas.
Situou o absentismo en España en torno ao 1% do PIB
e afirmou que os empresarios non queren xente que
defraude non pagando impostos ou á Seguridade
Social, nin que poña pexas para ir a traballar e
obteña as baixas sen suficiente "lóxica".
En canto ao prezo do despedimento, insistiu nun
contrato indefinido como o que se aplica en Europa,
con 20 días por ano traballado durante un ano como
máximo.
Insistiu na necesidade de novas regras no mercado
laboral para o futuro porque, sinalou, a pesar de
que gañaron moitos dereitos "agora toca unha época
de responsabilidade" na que ninguén debe esperar
que lle dean "nada" dende o exterior.
Engadiu que nun contexto internacional competitivo
a lexislación laboral é "filla do franquismo e neta
da República" e quedou antiga.
Eles téñeno clarísimo, a crise
ímola pagar a clase obreira. Nós tamén o temos
claro, fronte a súa descarada intención só cabe a
mobilización.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript