20/06/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Unha democracia que aínda dá para envolverse nela
"O 15-M ten que deixar absolutamente claro o seu respecto á democracia, porque en España custou moito conquistala. " -Manuel Chaves, vicepresidente terceiro do Goberno- .
"Ataque á democracia". "Democracia
secuestrada". "En defensa da democracia". Lendo os
titulares e editoriais da maioría de xornais o
xoves, e oíndo tertulianos e dirixentes políticos,
calquera diría que Tejero volveu entrar no
Congreso. Pero non, non houbo ningún intento de
golpe de Estado, tranquilos.
Ninguén defende os empuxóns, esgarros e sprays aos
deputados cataláns. Foron obra duns poucos, e todas
as asembleas do 15-M os condenaron. É máis: nas
imaxes vese outros manifestantes interpoñéndose
para evitar agresións, da mesma forma que decidiron
marcharse antes de que o enfrontamento fose a
maiores.
Agora ben, o bloqueo ao Parlament non foi un acto
violento duns poucos exaltados, senón que formaba
parte da convocatoria que se viña quentando nas
redes sociais e nas asembleas de barrio dende hai
días: non en van se chamaba "Paremos o Parlament",
e falaba sen medias tintas de "desobediencia civil"
pacífica e de formar un cordón humano para frear a
aprobación dos recortes. Non só iso: fai falta
recordar que os principais lemas do movemento son
"O chaman democracia e non o é", e Non nos
representan"?
A clase política é dura de oído, xa o sabemos. Sen
que haxa que chegar ao extremo de linchalos á porta
do parlamento, si parece que hai que berrar moito
para que se decaten de algo. Doutra forma non se
entende que despois dun mes con miles de persoas
tomando as prazas e manifestándose ante concellos e
parlamentos, aínda non se decatasen de que o 15-M
non só é unha expresión de malestar pola crise e as
medidas anticrises -que tamén-, senón unha emenda á
totalidade do sistema político e institucional,
unha esixencia de "democracia real" fronte a esta
democracia demediada que nos momentos críticos se
mostra refén do poder económico.
Se a única resposta a ese descontento é envolverse
na bandeira desa mesma democracia cuestionada, o
desencontro irá a máis, e a peor. Seguen sen
entender nada.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript