20/06/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O Tribunal Constitucional avala o recorte de salario aos empregados públicos
Considera que non se vulneran dereitos fundamentais como o de negociación colectiva ou o de igualdade.
Os maxistrados aseguran que o dereito á negociación colectiva non impide que un convenio sexa modificado por unha norma con rango de lei. "É o convenio colectivo o que debe respectar e someterse non só á lei formal, senón, máis xenericamente, ás normas de maior rango xerárquico e non ao contrario".
O Alto Tribunal, estes días protagonista pola
renuncia de tres dos seus membros, non perde o
tempo: sempre hai un oco para unha sentenza en
contra dos traballadores.
O Tribunal Constitucional considera que o recorte
salarial decretado en maio de 2010 polo Goberno do
PSOE para os empregados públicos, non vulnerou
dereitos fundamentais como o da negociación
colectiva, como formulou a Audiencia Nacional en
outubro do ano pasado.
Nun auto, os maxistrados do Constitucional
rexeitaron admitir a trámite a primeira cuestión de
inconstitucionalidade que formulou por este asunto
a Audiencia Nacional, ao coincidir co Ministerio
Fiscal en que é "notoriamente infundada".
O máximo garante da Constitución Española explica
que "é o convenio colectivo o que debe respectar e
someterse non só á lei formal, senón, máis
xenericamente, ás normas de maior rango xerárquico
e non ao contrario".
Así, conclúe que o decreto lei, que implicou que os
convenios colectivos das empresas públicas fosen
reformados para introducir unha baixada do 5% nos
salarios, non vulnerou o dereito á negociación
colectiva porque a intanxibilidade ou
inalterabilidade do convenio colectivo non é un dos
seus "elementos esenciais".
Sinalar, non obstante, que hai aínda autos de
xulgados do contencioso administrativo que, ademais
dos elementos sinalados no inicial da Sala do
Social da Audiencia Nacional (obxecto do Auto do
Constitucional filtrado aos medios de
comunicación), que cuestionan a constitucionalidade
do recorte salarial dende outros enfoques. Así,
cuestionaron a razón de urxencia esixible para
utilizar a vía do Real Decreto en calquera
disposición gobernamental con rango de Lei, o seu
carácter confiscatorio, os seus efectos
retroactivos "de facto" ou a inconstitucionalidade
das leis autonómicas de desenvolvemento e
aplicación do RDL 8/2010, por extralimitación da
súa capacidade normativa.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript