13/06/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A RAG elixe a Valentín Paz Andrade para o día das Letras Galegas do 2012
Contra todo prognóstico, a Real Academia Galega (RAG) elixiu o escritor, político, xornalista e empresario da comunicación Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898 - Vigo, 1987) para o Día das Letras de 2012. Segundo anunciou o secretario da institución, Xosé Luis Axeitos, foi unha decisión tomada por maioría", a dun home de consenso, un galeguista que padeceu as represalias do réxime pola súa defensa da lingua e da cultura galegas.
Contra todo prognóstico, a Real Academia
Galega (RAG) elixiu ao escritor, político,
xornalista e empresario da comunicación Valentín
Paz Andrade (Pontevedra, 1898 - Vigo, 1987) para o
Día das Letras de 2012. Segundo anunciou o
secretario da institución, Xosé Luis Axeitos, foi
unha decisión tomada por maioría", a dun home de
consenso, un galeguista que padeceu as represalias
do réxime pola súa defensa da lingua e da cultura
galegas. "Non hai vencedores nin vencidos",
remarcou Axeitos, xa que o herdeiro de Lois Pereiro
foi só un dos preto de 20 nomes que saíron á
palestra do plenario no que se debateu durante máis
de tres horas. Un plenario marcado, ademais, pola
ausencia do presidente da RAG, Xosé Luís Méndez
Ferrín, que, segundo Axeitos, non puido asistir
debido "a unha doenza lumbar".
A Academia quixo deixar os deberes feitos para
antes do verán e acordou nomear académico electo a
Xosé Fernández Ferreiro, para ocupar a vacante que
se produciu tras o falecemento do académico
numerario Francisco Fernández del Riego. Unha
decisión que xa provocou as primeiras críticas
dende as asinantes do manifesto O xogo das cadeiras
que critican a decisión da Academia de non
incorporar unha muller, tal e como reclamaban dende
había meses.
A polifacética vida de Paz Andrade, pola súa
importancia no mundo do xornalismo, a literatura e
ensaio, e a súa "capacidade empresarial", pesou na
valoración dos académicos para homenaxear o próximo
ano a esta figura, da que a RAG destaca "o seu
compromiso co país". Axeitos subliñou que "foron
varios os motivos" que levaron ós académicos a
elixir a Paz Andrade, como o feito de que "abriu as
páxinas do galeguismo a Galicia nun momento en que
había para poder manifestarse ou publicar", como
son os periódicos Galicia ou El Pueblo Gallego,
"dous dos grandes alicerces culturais do galeguismo
da época".
"A súa faceta creativa na lírica, a súa faceta
ensaística, nun país en que ten tanta importancia
para facernos visible, e a súa capacidade
empresarial", relatou o secretario da RAG, quen
tamén recordou que deu a coñecer Galicia nas súas
relacións comerciais internacionais a través do
sector pesqueiro con países Brasil ou Chile.
Axeitos indicou que se valoraron "todas elas no seu
conxunto", posto que a vida do futuro homenaxeado
destaca por ser "polifacética".
"Sobre todo valorouse o compromiso co país no seu
conxunto, manifestado e plasmado nesas facetas
diversas", dixo.
A familia do honrado reacciona con "gratitude e
sorpresa"
A familia de Paz Andrade reaccionou onte con
"gratitude e sorpresa" á decisión da RAG de
dedicarlle o vindeiro 17 de maio. Segundo recolle
Europa Press, o fillo do homenaxeado, Alfonso
Paz-Adrande -presidente do consello de
administración de "Xornal de Galicia",
vicepresidente de Novacaixagalicia e conselleiro de
Pescanova-, a noticia "chega nun momento no que a
academia está nun momento moi feliz, moi ben
estruturada, cun presidente que debe servir de
orgullo".
O fillo de Paz Andrade asegurou que tamén a súa nai
recibiu con alegría a noticia, da que fixeron
partícipes a el, entre outros, o seu amigo e
presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón
Villares.
"Chamoume Ramón Villares e Xosé Luis Axeitos, e
tiña unha mensaxe de Xosé Luis Méndez Ferrín", dixo
en referencia ás primeiras felicitacións. Alfonso
Paz-Andrade reiterou que a noticia foi "grata e
inesperada", tras o que avanzou a "colaboración" da
súa familia para a organización dos actos.
Valentín Paz Andrade licenciouse en Dereito pola
Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e
foi durante a súa etapa de estudante cando se
achegou ao movemento galeguista, participou na II
Asamblea Nacionalista de Santiago de Compostela
(1919). Era director do xornal Galicia en 1926
cando foi cerrado pola ditadura de Primo de Rivera.
Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi
candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con
Castelao e Ramón Cabanillas, colaborador da
redacción do anteproxecto de Estatuto de Galicia
presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931)
e membro activo do Partido Galeguista, do que foi
nomeado secretario en 1934.
Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a
moitos intelectuais galeguistas. Por causa da súa
actividade política e da publicación dalgúns
artigos foi detido en diversas ocasións. As súas
colaboracións foron frecuentes nos xornais El
Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Noche, onde
aparecían asinadas cos pseudónimos M., Xan Quinto e
Mareiro. Desde 1945 xuntábase no café Alameda, de
Vigo, con intelectuais e artistas como Carlos
Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del
Riego. Os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez
Blázquez, entre outros, para falaren e debateren.
Os seus textos literarios, históricos e económicos
reflicten a súa preocupación polo progreso e o
avance do país como Galicia como Tarea (1959), La
anunciación de Valle-Inclán 1967), La marginación
de Galicia (1970), Castelao na luz e na sombra
(1982), Galiza lavra a sua imagem (1985). Da súa
faceta poética temos achegas como, Soldado da morte
(1921), Pranto matricial (1954), Sementeira do
vento (1968), Cen chaves de sombra (1979) ou
Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1985).
Foi membro correspondente da RAG desde 1964 e
numerario desde 1978.
CADEIRA
Fernández Ferreiro ocupará a vacante de
Fernández del Riego.
Xosé Fernández Ferreiro (Espartedo, Nogueira de
Ramuín, 1931) é "ese escritor tradicional,
enigmático, pouco amigo da primeira liña, do
primeiro plano, sabedor de que o escritor permanece
polas súas páxinas, pola súa obra, pola calidade da
súa pluma." Escritor e xornalista, a RAG destaca "o
seu compromiso inquebrantable co país e coa
lingua". De feito, participou do grupo Brais Pinto,
en Madrid. No ano 1975 con A morte de Frank
González, ilustrado por Luís Seoane, convértese en
"pioneiro ao publicar a primeira novela en galego
de xénero wéstern". A Academia destaca que
"experimentou os camiños da ciencia-ficción, e puxo
a súa pluma a disposición do país para narrar e
denunciar as inxustizas sociais en libros como
Morrer en Castrelo de Miño". Recibiu premios como o
Xerais ou o Losada Diéguez e, como xornalista,
Premio Galicia de Periodismo
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript