xuño de 2011
 
 

13/06/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Islandia xulga ao ex primeiro ministro por levalos á ruína

O Parlamento deu luz verde para sentar no banco dos acusados a Geir H. Haarde

 

  • Noticias relacionadas

 

Geir H. Haarde gobernou Islandia dacabalo entre a Arcadia dun soño financeiro baseado na especulación salvaxe e o pesadelo social e económico en que derivou despois do crack de 2008. Fíxoo seguindo ao pé da letra o guión que marcaba o neoliberalismo. Estes días, o ex primeiro ministro islandés sentou no banco dos acusados para ser xulgado polo acontecido neses cinco ou seis días que dividiron as dúas épocas do seu mandato. E tamén por todas as decisións tomadas no mellor dos mundos financeiros posíbeis que derivaron na peor das realidades socioeconómicas actuais. A súa imputación non ten precedentes en Europa despois da crise. Ningún outro alto cargo dun goberno, e aínda menos un ex presidente, foi levado ante un xuíz por ter levado un país á ruína sobre a base da desregulación financeira máis extrema. Pero na revolución democrática que sucedeu á caída dos bancos de investimentos privados islandeses, o seu proceso é visto coma un inevitábel paso máis no camiño para depurar as responsabilidades polo acontecido e devolver aos cidadáns o control do país e da súa economía, que perderon a mans dun feixe de banqueiros neoliberais, políticos ineptos, lexisladores incompetentes e un banco central de farsa.
 
Haarde, quen ocupou a presidencia do Executivo islandés entre 2006 e 2009, pertence á formación que rexeu os destinos da illa durante o último medio século, o Partido da Independecia. Antes de acceder á xefatura do Executivo islandés, fogueouse durante case vinte anos coma ministro de Facenda e máis tarde de Exteriores. Ao longo dese tempo o partido estivo dirixido por David Oddsson, o gurú islandés do neoliberalismo que deu pulo ás teses dos Chicago Boys, primeiro dende o Goberno e máis tarde dende o Banco Central Islandés. O soñador que en 2001 pretendía converter unha illa de 300.000 habitantes no país máis rico do mundo e que en febreiro de 2009 presionaba ao propio Haarde para que asinase de vez o rescate financeiro do FMI. Nunca o fixo. Someteu a cuestión a un referendo que foi rexeitado pola poboación. O seu Goberno dimitiu en maio dese ano en bloque e convocou eleccións.
 
Deses comicios saíu un parlamento ocupado maioritariamente por deputados de esquerdas –por vez primeira na historia do país– que en setembro do ano pasado acordou imputar a Haarde. Os cargos son complexos. Divídense en dúas partes. A acusación sostén que Haarde podía ter evitado o colapso financeiro pero non foi quen de facelo. O documento alude a “ilegalidades levadas a cabo intencionalmente ou imprudencias no exercicio do seu cargo dende febreiro de 2008 e até outubro de 2009”. O máximo castigo ao que se enfronta é de dous anos. No punto 1.5 da imputación lese: “Por non ter seguido de preto e asegurarse de que se estaba a traballar dunha maneira activa para recolocar as contas do fondo Icesave de Landsbanki no Reino Unido a unha firma subsidiaria e despois buscar un xeito de favorecer o seu progreso coa activa participación da autoridade do estado”.
 
A fiscal xeral do Estado, Sigrídur J. Fridjónsdóttir, achegou unha listaxe ao tribunal con 43 testemuñas entre ex ministros, subsecretarios do Goberno, gobernadores do Banco Central Islandés e directivos dos tres bancos islandeses privados que foron á ruína. Cre que poderían comezar a dar os seu testemuños no outono. A súa foi unha loita dura para acceder a todos os emails do ex primeiro ministro e os documentos relacionados co caso.
 
A defensa do primeiro ministro considera que os cargos presentados son vagos e confusos e asegura que non están ben argumentados. Haarde rexeitounos este luns nunha rolda de prensa. “Son absurdos, especialmente considerando que as decisións tomadas polo meu goberno nos días que conduciron á crise bancaria resultaron ser os correctos”, asegurou. “Están escritos de tal xeito que está por ver se o Alto Tribunal os vai aceptar”, engadiu. O ex primeiro ministro non só se declara inocente, senón que considera o xuízo un ataque político por parte dos seus opoñentes. Cre que o caso está tecido de tal xeito que se enfronta a unha “forza moi superior”. Os seus seareiros xa iniciaron unha campaña para recoller fondos. Moitos deses apoios, mais de mil –a maior parte do seu propio partido–, quedaron xa rexistrados nunha web habilitada ad hoc. Achan que no se pode xulgar ao ex primeiro ministro pola súa mala xestión do país durante a crise. E que o único que hai por tras de todo isto é unha vendetta política

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript