13/06/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Europa quere impoñer máis precariedade
A Comisión Europea pediu ao Goberno do estado que durante o próximo ano reduza as cotizacións sociais dos traballadores para diminuír os custos salariais, e que, entre outras medidas, compense a redución de ingresos con aumentos do IVE e dos impostos sobre a enerxía.
A solicitude está incluída nas recomendacións
que o Executivo comunitario dirixiu ao Estado
español de face á elaboración dos orzamentos e o
plan de reformas para 2012. Estas recomendacións,
que serán aprobadas no cume de líderes europeos do
23 e 24 de xuño, constitúen unha das medidas
decididas pola UE os últimos meses para mellorar a
coordinación económica entre os gobernos e previr
futuras crises.
Bruxelas destaca que o Estado español rexistrou un
“forte incremento” dos custos laborais unitarios
desde finais dos 90, o que se traduciu en máis
inflación e unha perda de competitividade. “Atopar
marxe para reducir o nivel relativamente alto das
contribucións sociais co obxectivo de baixar os
custos laborais non salariais axudaría a impulsar a
competitividade”, apunta.
A Comisión resalta que “os impostos sobre a
enerxía, especialmente sobre os carburantes, son
relativamente baixos no Estado español e poderían
ser unha forma de compensar os ingresos”, e defende
“modificar a estrutura e os tipos do IVE”.
O Executivo comunitario reclama ademais ao Goberno
aprobar a reforma da negociación colectiva e
modificar as cláusulas de revisión salarial “para
garantir que o crecemento dos salarios reflectir
mellor a evolución da produtividade, así como as
condicións a nivel local e da empresa”.
Bruxelas pide tamén ao Estado español que avalíe o
impacto da reforma laboral aprobada en decembro de
2010 e que, se os resultados son negativos, faga
máis reformas no mercado de traballo para reducir a
temporalidade e mellorar o acceso dos mozos ao
mercado de traballo.
En materia de consolidación fiscal, a Comisión
recomenda ao Estado español que adopte máis medidas
de axuste en 2011 e 2012 se as previsións
económicas do Goberno non se cumpren para garantir
que se respecten os obxectivos de déficit. Bruxelas
ve “demasiado favorábeis” os datos de crecemento
que manexa o Goberno para 2011 e 2012.
Europa cre que a economía española crecerá este ano
só un 0,8% e un 1,5% en 2012, fronte ao 1,3% e o
2,3% que espera o Goberno. Por iso, Bruxelas
prognosticou que o déficit español situarase este
ano no 6,3%, tres décimas por encima do obxectivo,
e no 5,3% en 2012, case un punto por encima do 4,4%
ao que se comprometeu o Goberno.
O Estado español debe “garantir que se cumpran os
obxectivos de déficit en todos os niveis de
goberno, aplicando estritamente os mecanismos de
control do déficit e da débeda para as comunidades
autónomas”. Ademais, reclama que se adopte tanto a
nivel nacional como nas autonomías unha regra que
limite o aumento do gasto por baixo do crecemento
do PIB.
En materia de pensións, Bruxelas solicita a
aprobación final da reforma que atrasa a idade de
xubilación aos 67 anos e unha cláusula de revisión
para axustar “regularmente” a idade de xubilación á
esperanza de vida. Nas súas recomendacións, a
Comisión pide “reforzar a reestruturación en marcha
do sector das caixas de aforro afrontando os puntos
débiles que quedan na súa estrutura de goberno”.
Demostran todas estas condicións que o
Estado español está intervido, de facto, que a
autonomía do goberno non existe e que non tardará
moito en aplicar dilixentemente as instrucións
recibidas.
A decisión está tomada e estase a levar á práctica,
a clase obreira será a que pague os efectos da crise
que non xenerou, os ricos, os poderosos, o capital
segue gozando de vacacións fiscais, ningunha
actuación vai dirixida, nin tan sequera, a limitar
as súas ganancias, todo o contrario, para o seu
beneficio tamén se desmantela a administración
abrindo novos nichos de negocio e fortalecendo os
que xa estaban consolidados.
A desvergonza é de tal calado que empresas con
millonarias ganancias están a desprenderse de miles
de traballadores (telefónica, Emesa…) sen custo
relevante e con cargo ao erario público, primando a
deslocalización a mercados laborais onde a ganancia
sexa maior.
Temos un goberno plegado absolutamente aos
intereses do capital que pon en xogo constantemente
a pervivencia dos dereitos que como clase
conquistamos até o momento. Nas nosas mans está o
impedirllo. Mobilicémonos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript