Agosto de 2010
 
 

23/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


Unha reflexión
O 2 de febreiro de 1905 naceu en San Petersburgo a filósofa e escritora estadounidense (de orixe rusa) Alissa Zinovievna Rosenbaum, máis coñecida no mundo das letras baixo o pseudónimo de Ayn Rand, e faleceu en marzo de 1982 en New York.

Nunca máis oportunas as palabras da autora desa magnífica novela que é Atlas Shrugged, traducida ao castelán como “La rebelión de Atlas”, unha sorte de anticipo do que nos está a pasar aos españois:

"Cando advirta que para producir necesita obter autorización dos que non producen nada; cando comprobe que o diñeiro flúe cara aos que trafican non bens, senón favores; cando perciba que moitos se fan ricos polo suborno e por influencias máis que polo traballo, e que as leis non o protexen contra eles senón, pola contra, son eles os que están protexidos contra vostede; cando repare que a corrupción é recompensada e a honradez se converte nun autosacrificio, entón poderá afirmar, sen temor a equivocarse, que a súa sociedade está condenada. " Ayn Rand (1950)

Non coment.............tschsss

 

A descomposición da dignidade social
O chamado movemento de base dos indignados do 15-M, que bebe das fontes ideolóxicas do libro Indignaos, do autor franco-alemán de 93 anos Stéphane Hessel, está a marcar a axenda mediática da actualidade; aínda que, na miña opinión, a aparición deste grupo tamén expresa un espectacular berro de desespero social contra a descomposición da xustiza social e, ao mesmo tempo, contra o triunfo absoluto do maquiavelismo antisocial e do mercantilismo máis salvaxe e irracional.
Non hai dúbida de que, por exemplo, os resultados das eleccións municipais poñen de manifesto que, en tempos de crise, en tempos moi duros para a lírica, os conservadores (a dereita en xeral) sabe moverse moito mellor que as chamadas esquerdas. E máis cando estas esquerdas practican políticas ultraliberais e terriblemente inxustas. Isto provoca unha forte desmobilización das clases máis modestas e, ao mesmo tempo, unha indignación en maiúsculas dos sectores progresistas máis informados.

 

Faltaron máis respostas
O presidente do Goberno dixo: "O resultado ten relación coa crise económica e os españois mostraron o seu malestar; era un castigo previsible". Con estas palabras, Zapatero demostra que segue sen decatarse ou sen querer recoñecer que o voto de castigo dunha parte importante do seu electorado non foi pola crise, senón pola saída liberal que aplicou o seu Goberno. Ese electorado tería entendido as medidas aplicadas se tivesen vido acompañadas doutras tantas que recortasen aos que máis teñen, como por outro lado non se cansaba de dicir Zapateiro sen que, despois, as súas palabras tivesen concreción. As súas receitas eran máis liviás das que tivese aplicado a dereita, pero para ser progresistas faltaba completalas con recortes ás clases altas. Zapatero fallounos tamén fóra de casa, pois nin na Internacional Socialista nin na UE articulou unha saída conxunta da socialdemocracia á crise.

A inmoralidade do ERE de Telefónica
Mírese como se mire, o ERE que Telefónica pretende ampliar a 8.500 traballadores é unha inmoralidade e unha perversión do sistema español da Seguridade Social. Moitas das nosas empresas implantadas no mundo obteñen grandes beneficios. Nos países en vías de desenvolvemento, os custos laborais son inferiores e por ese motivo son máis rendibles. No caso do antigo monopolio, vendido no seu día por un prato de lentellas, é unha vergoña nacional que pretenda sacar máis beneficio a custa da destrución do emprego.
Con ese perfil de empresario o Estado xamais sairá da crise. O panorama é desolador: os poderes financeiros e os mercados do capital, variacións do mesmo tema, teñen asfixiada á economía e moitas empresas queren gañar máis coa crise. A perversión de Telefónica chega ao cénit do descaro cando se demostra que é unha operadora que comete a diario todos os pecados capitais do mundo da telefonía. Empresarios tan cegados pola cobiza, a usura e moitas veces a fraude, esperan que sexan outros emprendedores que dean traballo aos cidadáns para que poidan ser usuarios dos seus produtos. Esperan que sexa o outro quen propicie o consumo.
Calquera cidadán condenará estes desmandos de César Alierta e os seus colegas. Empresarios así sobran no estado español.



 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript