O presidente do Banco
Santander, que é "un dos principais artífices da
crise e beneficiario das políticas sociais e
económicas que a clase política está a adoptar",
acudiu ao Acto de Firma de Cátedras de Excelencia
que se celebrou ás seis e media da tarde, no Salón
de Graos da Universidade, coa presenza do reitor
Daniel Peña.
Tras uns minutos de gran tensión, os indignados
lograron entrar no edificio despois de superar aos
vixiantes de seguridade que tentaban impedirlles a
entrada, aínda que lles foi imposible acceder ao
Salón de Graos. Os manifestantes, moitos deles
universitarios, sacaron cartóns vermellos a Botín e
denunciaron que a propia institución coartou a súa
liberdade de expresión ao impedirlles acceder ao
acto:
"Seguindo a política habitual da Universidade,
negóusenos o acceso ao acto, no que pretendiamos
ler un manifesto e sacarlle cartón vermello,
demostrando que Emilio Botín non é benvido a un
espazo público que debe estar ao servizo do
interese da sociedade e non ao servizo dos
intereses privados. Do mesmo xeito que vimos estes
días nas prazas de todo o mundo, os privilexios de
Botín –e do resto de culpables da crise– son
blindados con forzas de seguridade –xa sexan
privadas ou públicas–, demostrando unha vez máis
como se nega á cidadanía a toma de decisións e a
libre e pacífica expresión da nosa indignación".
Ao non poder acceder á sala, procedeuse a ler o
seguinte manifesto no vestíbulo do edificio:
COMUNICADO DE RECIBIDA EMILIO BOTÍN UC3M
Imos a contarche, excelente Emilio Botín, por que
viñemos tantas e tantos hoxe aquí: non sabemos se
liches os xornais, pero resulta que hai miles e
miles de cidadáns que levamos dúas semanas tomando
as prazas de todas as cidades do Estado. Que que
nos pasa?
Pásanos que estamos indignados, cabreados, fartos,
de ter que pagar as consecuencias dunha crise na
que non tivemos nada que ver. Pásanos que estamos
cansos de ver como nas épocas de bonanza e de
crecemento ti e os que son como ti vos repartías
inmensos beneficios creados a custa da especulación
coa vivenda, que é un dereito fundamental; cansos
da mercantilización dos servizos de todos, a
sanidade, a educación; da precarización das nosas
vidas, a base de "flexibilidade e dinamismo", que
na práctica se concreta en contratos lixo e soldos
de miseria. E na era dos beneficios ninguén falaba
de repartilos, e resulta que cando explota a crise
todos habemos de arrimar o ombro e apertarnos o
cinto.
Pásanos que non entendemos como é que ti e os teus
vos dedicades constantemente a atacar o público, o
común, o de todas e todos, e, logo cando chega a
crise e sentides que vos afundides, teña que ser o
Estado, co noso diñeiro, o que vos salve da
bancarrota. Pásanos que nos indigna que hoxe esteas
aquí para afondar o proceso de mercantilización da
Universidade, a través da Estratexia Universidade
2015, pretendendo que sigan primando os criterios
de maximización do beneficio sobre a prestación dun
servizo público de calidade ao servizo da
sociedade.
Este é o escenario: por un lado, miles de persoas
que non chegamos co fin de mes malia traballar en
xornadas de 10 horas; miles de familias obrigadas a
deixar os seus casa e seguir pagando unha hipoteca
alta, alta como consecuencia do negocio que ti e
outros especuladores e banqueiros fixestes dun
dereito fundamental como é a vivenda; miles de
mozos sen traballo e miles de mozos con traballo
que nos vemos obrigados a aceptar contratos lixo
que nunca nos permitirán saír da precariedade;
miles de despedimentos, con cargo ás arcas
públicas, en empresas que ostentan beneficios, como
Telefónica.
Por outro lado estades ti e os teus: os
desvergonzados que como ti, declaran sen vergoña
que o seu banco "foi o claro gañador da crise
económica e financeira mundial", mentres millóns de
persoas no mundo se afunden na miseria e o
desespero. Por todo isto, Emilio Botín, viñemos a
chamarte desvergonzado á cara, por se acaso non
leses os xornais e non soubeses que hai miles de
persoas que levan dicíndocho semanas nas prazas,
nas asembleas, nas redes sociais, en miles de
pancartas e carteis.
Así que imos tratar de que pases un pouco de
vergoña, xa que parece que a perdiches de todo: que
esta protesta vai ser vista por miles de persoas en
España, que se che empezará a coñecer como Emilio
Botín o desvergonzado, o ladrón. Porque para
defender os teus beneficios e privilexios a policía
ataca manifestantes pacíficos e provoca centos de
feridos Barcelona, Lleida, Madrid, París...
Porque os cidadáns de todas esas prazas recuperadas
estamos cansos de que ti e os teus nos roubedes o
futuro. Estamos cansos dos políticos que gobernan
en favor de ti e dos teus con votos que consideran
un cheque en branco. Estamos fartos de que a crise
a teñan que pagar os de sempre. Estamos cansos,
fartos e indignados, pero descubrimos que xuntos
somos moitos máis, que coñecéndonos, debatendo,
organizándonos, poñéndonos de acordo, protestando e
propoñendo, somos moitos máis ca vós.
Descubrimos que queremos e, sobre todo, que podemos
cambiar as cousas e esta vez non vai ser para
seguir aumentando os vosos beneficios, senón para
que as maiorías, os mozos, os estudantes, os
precarios, os parados, os fartos, os que habitamos
as nosas cidades e as levantamos cada día,
empecemos a decidir cal é o futuro que queremos.
Por iso, Emilio Botín, deberías empezar a ler os
xornais e a preocuparche: porque nós, os
indignados, che sinalamos como culpable da crise e
porque imos seguir organizándonos e mobilizándonos
para que vos toque a ti e aos teus, os banqueiros,
os especuladores, os políticos cómplices, perder os
vosos privilexios e apertarvos o cinto.
Esperando sinceramente que de aquí en diante
vostede e outros desvergonzados durman menos
tranquilos, despedímonos ata a próxima