30/05/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
“O PP non fai galeguismo cordial, o que fai é atacar a lingua”
Ramón Lorenzo (Eirapedriña, Ames, 1935) recibirá este ano o Premio Trasalba 2011, que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, celébrase a súa longa traxectoria como escritor e investigador. Lorenzo é catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos cofundadores do Instituto da Lingua Galega (ILG), que a semana pasada celebrou o seu corenta aniversario.
Ademais, Lorenzo é especialista en literatura
medieval e creador da revista Dorna. É membro de
número da Real Academia Galega e foi un dos
compoñentes do grupo Brais Pinto, xunto a Fernández
Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Herminio
Barreiro. No último domingo de xuño, Ramón Lorenzo
recollerá o premio Trasalba nunha festa ao redor da
lingua galega.
Dá vertixe recibir un premio a toda
unha traxectoria como é o Trasalba?
(Ri) Este tipo de premios recíbense sempre con
alegría e con gran pracer. Estou encantado de que
decidisen darmo.
Outra alegría para vostede estes
días foi a celebración do corenta aniversario do
ILG, do que forma parte vostede dende os comezos.
Nese afastado 1971 pensaban que o Instituto se ía
converter nunha peza clave para a normalización e
estandarización do galego?
Adiviñar o futuro sempre é difícil e xa van corenta
anos alá... O que tiñamos claro é que precisabamos
facer algo a prol da lingua e que os métodos de
galego eran algo fundamental que había que facer.
Daquela non existía ningún e só había algunhas
gramáticas, pero estaban en castelán e non
respondían ás necesidades de aprendizaxe da lingua.
Tiñamos esa conciencia de que había que facer ese
traballo e de feito fomos facendo cada día máis. A
propia creación do ILG respondía a unha conciencia
que nos dicía que había que loitar neses momentos
difíciles.
Hoxe a lingua vive tamén momentos
difíciles?
Son momentos bastante difíciles, a situación non é
nada boa. As autoridades políticas que nos mandan
actualmente non están polo labor de potenciar o
galego. Sabemos que o PP non ten interese ningún
pola fala. O equipo actual segue totalmente as
consignas que veñen de Madrid. Non o faría mellor o
PSdeG, porque os dous son partidos nacionalistas
españois que non teñen interese polas outras
linguas do estado. Nos momentos actuais non se fai
un labor positivo, mais ben todo o contrario.
A semana pasada escoitamos da boca
do presidente da Xunta varios conceptos referentes
á lingua e ao galeguismo. O Día das Letras Galegas,
Feijóo dixo que Lois Pereiro era símbolo do
“galeguismo cordial”. O día antes, rexeitaba o
“galego de resistencia”. Que pensa destas palabras
do presidente?
É un absurdo que xa non ten nada que ver coa
realidade. Está claro que el sabe falar moi ben e
que todo o PP ten unha dialéctica tremenda para
terxiversar a realidade. Eles, os do PP, non fan
ningún galeguismo cordial nin da cordialidade, o
que fan é atacar o galego. Fan todo o contrario.
Nós non facemos galeguismo de resistencia, o que
facemos é defender a lingua. O PP terxiversa a
realidade e logo convence a moita xente de que nós
somos os malos e eles, os bos. Nestes momentos, nos
que fan todo en contra do galego, oxalá houbese un
galego e un galeguismo de resistencia forte. E que
o pobo reaccionase máis.
Este Ano das Letras foi un ano moi
activo ao redor de Lois Pereiro. Hai medo na
Academia de que o próximo ano toda esa actividade
desapareza? Imaxino que dependerá de a quen se
escolla, non?
Sempre depende da elección. Uns nomeados sempre
teñen máis capacidade ca outros para reunir a xente
e que se fagan actos. Este ano estaba condicionado
tamén pola vida deste home, non só pola súa obra,
que estaba formada por pouca literatura... Iso si,
pouca, pero boa literatura. Tamén podemos supoñer
que todos estes actos teñen que ver coa situación
lingüística. Eu espero que vaia a máis non só o Día
das Letras, senón todo o Ano das Letras.
Nos últimos meses houbo un debate
ao redor da presenza feminina na RAG. Que opina
deste debate como académico?
E por que non falan da presenza feminina noutros
eidos? A Academia non é unha institución para meter
homes ou meter mulleres. Na Academia entran
personalidades pola súa traxectoria e non temos que
estar pensando en que ingrese un home ou ingrese
unha muller. Por que non se fala diso en todos os
sitios? É unha cousa absurda. Ademais, se miramos a
cantidade de escritoras que houbo, non agora, senón
antes... Pois vemos que non hai tantas para poder
escoller. Antes había máis escritores e menos
escritoras, lamentablemente. En fin, a min non me
gustan estas polémicas. A RAG non é un partido para
falar de cotas nin de porcentaxes.
Entrvista publicada en
xornal.com
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript